As editoriais súmanse á febre gastronómica

A gastronomía está na moda e as editoriais entran tamén na cociña. Coleccións especiais, receitarios,  literatura de fogóns... o catálogo aumenta con novos e variados ingredientes. Todo un amplo menú para cociñar con libros a man. A literatura fixo tamén boa maridaxe coa cociña en nomes como Cunqueiro, Helena Villar, Fina Casalderrey ou Rodríguez Baixeras. 

Portada de A cociña dos Cunqueiro. Foto: Sole Felloza
photo_camera Portada de A cociña dos Cunqueiro. Foto: Sole Felloza

Algúns dos títulos gastronómicos acadan vendas dificilmente alcanzábeis no mundo editorial, clave tamén para que, nos últimos tempos, algúns selos se teñan esforzado en ampliar o seu catálogo, ás veces con coleccións propias, para acoller volumes gastronómicos. Os máis de 50.000 exemplares vendidos de A cociña dos larpeiros (Galaxia) viñan animados polo programa da TVG e a intensa promoción na RG e dese fío seguiu tirando a histórica editorial para sumar Novas Receitas da cociña dos larpeiros, cun anexo dos seus colaboradores Tomás Alonso e Víctor López Onde mercan os larpeiros ou As lambetadas dos larpeiros de Merchi Rodal. 

"Do fío de "A cociña dos larpeiros", tirou Galaxia un libro de novas receitas e outro de lambetadas"

Galaxia conta co grande“clásico” da literatura gastronómica, La cocina gallega de Álvaro Cunqueiro e da mesma casa chegou recentemente a sorpresa dos cadernos de Elvira González-Seco, a muller do escritor, de quen se publicaba A cociña dos Cunqueiro. A editorial atrévese tamén con propostas máis audaces como o Cociñar con algas de Eva Crespo, un libro que convence no uso de novos ingredientes, froito da nosas costas, ou a elaboración de pratos sen lactosa de Emma Cavellé 

Oferta variada recolle o catálogo de Baia que aposta, sen lugar a dúbidas, pola cociña como proposta editorial. Cociña caseira galega de Nieves Feros,  Aperitivos e tapas,  Peixes e mariscos,  Sopas frías e quentes, Ensaladas. A frescura da terra, ou Sopas frías e quentes de Mariona Quadrada ou  Marmeladas caseiras de Nuria Durán e Montserrat Roig son algúns dos seus títulos, aos que se lle engaden varios libros para cociñar cogomelos, especialidade galega que merece un tratamento de seu. 

"A compostelá Alvarellos non dubida dedicarlle un espazo especial na súa páxina web e no seu catálogo que titula “Libros... para comer!”" 

A compostelá Alvarellos non dubida dedicarlle un espazo especial na súa páxina web e no seu catálogo que titula “Libros... para comer!” no que recolle libros como  50 recetas con moras y otros frutos silvestres de Xesus Fraga, 45 receitas con ortigas, de Martín Alvarez González, 50 recetas con filloas de varios autores, Arte de Destilar Augardentes e Licores de Miguel de Burgos, Guía secreta da gastronomía de Galicia: Ourense de Martín Álvarez González,  Guía secreta da gastronomía de Galicia: Lugo, de Miguel vila Pernas, ou Viajes y yantares por Galicia, de Álvaro Cunqueiro. 

Literatura e cociña 

A maridaxe literatura e cociña evoca o grande nome de Álvaro Cunqueiro mais a el pódense sumar outras grandes plumas que se moven tamén con fluidez entre fogóns. O nome de Helena Villar, recentemente premiada por fomentar a relación da cultura coa gastronomía, o de Fina Casalderrey ou o de Rodríguez Baixeras son algúns dos que asinaron grandes textos gastronómicos. 

Yolanda Castaño e Andrea Costas fixéronse eco deste encontro no libro Cociñando ao pé da letra (Galaxia), en que puxeron un feixe de escritoras e escritores a prepararen pratos con orixinais fotos en plena cociña. 

Entre as retratadas por Andrea Costas, están grandes gastrónomas da literatura galega, como a escritora Fina Casalderrey que, xunto con Mariano García, fixo un inmenso traballo de recollida de receitas de empanada, sobremesas e festas gastronómicas polo país enteiro. Seis edicións leva O libro da empenada, seguido por Festas Gastronómicas de Galicia e Repostería de Galicia, -todos en Xerais-, unha alfaia en que recollen doces da Fonsagrada á Guarda.

Rodeada de patacas nunha bañeira aparece Helena Villar, que en O sabor da terra (Galaxia) mostra como preparar cogomelos. Xavier Rodríguez Baixeras elabora un exquisito libro de literatura en sentido estrito no seu Diario de comidas, (Galaxia) unha amalgama de letras e saber gastronómico. Na liña do estudo máis históricos os traballos de Xavier Castro están a ser referencia. 

"Ouvirmos tirou do prelo unha colección de  cociña infantil que ensina á xente miúda a preparar pastas e pizzas, sobremesas e mesmo menús para festas". 

Tampouco os xornalistas quedaron fóra da cociña. O nome de Miguel Vila Pernas é xa coñecido no ámbito e libros como A cociña do Merlín (Galaxia), A cociña do entroido e San Xoán (Xerais) ou o volume Guía secreta da Gastronomía de Galicia: Lugo (Alvarellos) confirman o seu traballo de xornalista gastronómico, ámbito que se está a desenvolver tamén con fluidez na rede cun feixe cada vez maior de coidados blogs gastronómicos

Para comezar a cociñar 

Para persoas vexetarianas Xerais ten no catálogo o manual de Miguel Burro, moi á par do de Alimentación saudábel de Xulio e Montserrat Astor, ou as recomendacións para dar os primeiros pasos na cociña de Gloria Gallego, autora tamén dun libro en que recolle a cociña galega de montaña. 

Con destino na xente nova que se achega por vez primeira aos fogóns Edicións do Cumio ofrece o volume de Adela Couto González, receitas acaídas para demostrar que todo o mundo pode entrar na cociña e saír cun prato preparado Para que ninguén medre con medo de non ser quen de se desenvolver con facilidade á hora de prepara a comida, Ouvirmos tirou do prelo unha colección de  cociña infantil que ensina á xente miúda a preparar pastas e pizzas, bocadillos e sandwichs, sobremesas e mesmo menús para festas. 

Comentarios