Xuntanza co secretario xeral de Cultura

As editoriais esixen á Xunta que regrese ás feiras internacionais

A Asociación Galega de Editores (AGE) quere que a Xunta volva estar presente nas feiras internacionais do libro. Así o expresaron nun comunicado emitido despois de se reunir co secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo a petición deste último.
 

Feira do Libro para Cativos de Boloña
photo_camera Feira do Libro para Cativos de Boloña.

Lorenzo solicitou a xuntanza despois de que o seu departamento anunciase nunha resolución a suspensión da presenza institucional en catro -Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara (México)- dos cinco encontros internacionais en que viña participando. Só manteñen a Feira de Bos Aires. “Pedimos á Secretaría Xeral de Cultura que reconsidere a súa renuncia”, di a asociación, que agrupa o 90% da produción edittorial de Galiza.

A Xunta asegurou que valoría a petición e que lla comunicaría a AGE en breve. “Confiamos en que se inicie unha nova etapa de colaboración real na que se busquen liñas de encontro por un interese que debe ser común: a promoción do libro galego e a cultura do país”, considera AGE.

No encontro tamén se trataron outras cuestións, como o apoio do Igape -dependente da Consellaría de Economía, Emprego e Industria- ao sector. Na polémica e unilateral resolución do 29 de decembro, Cultura aseguraba que este organismo se encargaría de soster a presenza editorial nos foros internacionais do libro. Nunha carta remitida hai uns días aos editores, dábao por feito, antes de nin sequera falar con eles.

“A AGE considera que o sector do libro, tal e como se recolle na Lei do Libro aprobada en 2006 por unanimidade, é estratéxico para o país e non se pode renunciar á súa promoción internacional”, afirma o comunicado, “Galiza sería a única comunidade autónoma con lingua propia que non tivese presenza nas feiras do libro máis importantes do mundo”.

“Ausencia de estratexia política en relación á cultura”


Nesa idea insistía esta semana en declaracións ao Diario Cultural da Radio Galega o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias. “É importante estar nas feiras, non só a nivel cuantitativo, senón a nivel cualitiativo”, sinalaba, “porque é importante para a imaxe do propio país”.

Sánchez Iglesias enmarcaba os feitos na “ausencia de estratexia política” do Goberno de Feijóo “en relación á cultura e en concreto ao libro, partindo xa da supresión da consellaría”.

Comentarios