A singular presentación de María Reimóndez: tres editores para unha autora

Un único acto de presentación e tres libros. Unha soa autora e tres editores. María Reimóndez regresa máis de dez anos despois á poesía como protagonista dun acto insólito, a presentación de tres novos títulos con tres editoriais distintas. 

Presentacións dos libros
photo_camera Presentacións dos libros

O acto de presentación dos tres novos títulos de María Reimóndez na libraría Lila de Lilith a última hora do xoves día 17 era inusual por varias razóns. A primeira porque hai máis de unha década que a escritora non ofrecía un novo título de poesía. A segunda porque, en tempos de seca editorial do xénero, non é nada habitual que unha autora publique varios poemarios dun golpe. A terceira, porque a Reimóndez convocaba nun mesmo acto aos seus editores, Fran Alonso de Xerais (que non puido asistir por causa persoal urxente), Francisco Macías de Positivas e Cibrán Rico e Suso Vázquez de Fabulatorio. 

Son os editores dos seus tres novos libros, os novo triple encontro da autora coa poesía que rememora, en certa medida, algúns episodios de especial relevancia da súa traxectoria. Moda galega reloaded (Positivas) devólvenos ao primeiro libro de poesía de Reimóndez, o Moda galega publicado en 2002 tamén por Paco Macías no que a autora descubría unha voz crítica e aceda de interpretación dos modelos que se a moda impón ás mulleres nun percorrido poético á través dos comercios de Vigo. Con Presente continuo (Xerais), María Reimóndez rememora a súa primeira viaxe á India en 1994, destino que marcaría o seu traballo na ONG, Implicadas no Desenvolvemento, da que foi presidenta até hai uns meses. Finalmente kleinigkeiten/ cousiñas (Fabulatorio) trátase dun libro que a tamén tradutora escribiu directamente en alemán, despois da súa estadía na casa de artistas Villa Waldberta en 2011. 

María Reimóndez afondou no carácter “excepcional” do acto, á beira da “persoa que deu o primeiro si quero tan importante para ter voz pública por vez primeira”, dixo referíndose a Paco Macías. Tamén agradeceu a súa “casa literaria”, a Xerais que publica Presente continuo, escrito en 2005 cando se cumprían dez anos da primeira viaxe á India e que agora ve como “unha instantánea prolongada, un presente que non remata nunca”. Finalmente, o novo kleinigkeiten/ cousiñas un libro escrito en alemán para público alemán e que só agora ve a luz en galego, nunha tradución tamén insólita para unha autora que só agora se adentra na escrita literaria noutra lingua e publicado por unha editorial nova, Fabulatorio, que ten a vontade de publicar poucos libros mais de esmerado deseño. No acto participou tamén a escritora Susana Sánchez Arins, escritora e compañeira da web de crítica feminista "A Sega". 

Poesía é a carraxe dunha pedra

Como adoita facer nos actos de presentación, María Reimóndez entregou ás persoas asistentes unha sorte de avión en papel a cores encartado, con multitude de dobreces nos que se agochaba un texto escrito para a ocasión e titulado “As leis da física”. “Mais nesa biodiversidade, estes tres textos parten do mesmo fluído. Neles, o espazo e o tempo conviven para conformar o político. Ás veces os espazos son a cidade que abrín e atopei follas en branco e páxinas rachadas. Outras veces intentei poñerlles nome pero ningún me chega. E outras herdo unha cidade que agora debo habitar de novo, erixir unha arquitectura na que as rúas me pertenzan, non só as lembranzas” escribe María nese texto que é, en certa medida, unha particular “autopoética” da autora

“Unha pensaría que en dez anos a cousa ía mellorar algo, mais esperta co aumento do capitalismo a anestesia social o recorte das posibilidades, a televisión idiotizadora, a falta de personalidade colectiva e uns ideais de muller cada vez máis raquíticos onde ter as tetas pequenas provoca traumas psicolóxicos da dimensión dun ataque terrorista e onde un ten basicamente para escoller entre belén esteban maria dolores de cospedal e lady gaga” escribe a autora no texto entregado o xoves ao público que encheu a Lila de Lilith para a singular presentación triple. “Poesía é a carraxe dunha pedra contida na palabra fronte unha carga policial. E con ela tecéndonos non hai lei da física que poda rexernos máis”, remata a autora no seu, este inédito, texto. 

 

Comentarios