Nove editoras participan cun posto conxunto na feria de Boloña

A Asociación Galega de Editoras (AGE) conta, por primeira vez, cun posto propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Organizado en colaboración coa entidade de xestión de dereitos Cedro, nel están presentes nove das principais empresas do gremio en Galiza.
 

Feira do Libro para Cativos de Boloña
photo_camera Feira do Libro para Cativos de Boloña.

Alvarellos, Embora, Kalandraka, Hércules, Nova Galicia, Urco, Xerais, Galaxia e Oqueleo “manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional do libro, cunha axenda pechada hai meses”, sinalan nun comunicado da asocación. A maiores, Kalandraka e Nova Galicia tamén montan cadanseu stand.

O certame boloñés atinxe a súa edición número 55 entre esta segunda feira 26 de marzo e a cuarta feira 29 de marzo. É un dos encontros sobre literatura infantil e xuvenil máis importantes do mundo.

A finais do pasado ano, a Xunta comunicou a AGE que se retiraba de catro das cinco feiras internacionais do libro en que viña participando cun posto propio debido a, argumentaba, “un crecente desinterese” das editoriais. Estas axiña responderon e cualificaron de “falsidade” semellante afirmación, ao tempo que amosaban a súa disposición ao diálogo e a modificar aspectos da “presenza do libro galego” nas feiras internacionais.

A asociación iniciou, simultaneamente, os preparativos para asegurarse a súa asistencia a Boloña, independentemente da decisión do Goberno galego. Entrementres, o restabelecemento de relacións entre AGE e Cultura desembocou, hai dúas semanas, na marcha atrás da Xunta, que finalmente si levará stand -compartido coas editoras- a Frankfurt, Guadalajara (México) e Barcelona, e que aceptou boa parte das esixencias do gremio.

Comentarios