Cultura si estará nas feiras internacionais

As editoras celebran que a Xunta recúe e acepte as súas esixencias

A Xunta estará finalmente nas cinco feiras internacionais do libro en que viña participando con posto propio. Así llo comunicou vía carta á Asociación Galega de Editoras (AGE), que onte valorou “positivamente” que a Consellaría de Cultura “reconsiderase a súa renuncia”.
 

feira do libro de bos aires
photo_camera Feira do libro de Bos Aires.

A directiva de AGE, reunida a pasada segunda feira, tamén celebra que o Goberno aceptase outra das súas reclamacións, “financiar o desprazamento e mais a estadía da persoa representante das editoras no stand”. Agora, tal e como explica a Sermos o presidente da asociación Xosé Ballesteros Rei, “falta ver como se concreta” esta marcha atrás.

Porque o Goberno galego chegara a anular a orde orzamentaria destinada a catro dos cinco encontros internacionais do libro nos que mantiña presenza, os de Boloña, Frankfurt, Barcelona e Guadalajara (México). Só deixara a de Bos Aires. “Para este ano realizarase a licitación pública e a reserva de espazos de cara á instalación dun stand sostido na súa totalidade con fondos públicos nas feiras internacionais Líber (Barcelona), Frankfurt e de Guadalajara (México)”, expón nunha misiva remitida aos editores hai uns días o secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo. Á de Boloña xa chega tarde, aínda que as editoras estarán en Italia con medios e posto propio.

O mesmo documento recollía en sentido positivo outras reclamacións da AGE. “A secretaría técnica das editoras xestionará e organizará a exposición dos materiais subministrados polos seus asociados da forma que considere máis eficaz para facilitar os acordos comerciais e a difusión entre profesionais e público asistente”, di. O posto galego será, así, coxestionado por AGE e Administración.

Lorenzo tamén asegura que “acordará ou comunicará” á asociación “outras actividades de promoción a desenvolver en cada feira”. Esta actitude contrasta coa ruptura unilateral da Xunta hai apenas catro meses. A situación, que chegou ao Parlamento vía pregunta do BNG, adquiriu relevancia pública.

O Goberno só desatende unha das peticións do sector. “Concordamos en que a entidade que preside é o representante colectivo do sector editorial galego”, escribe Lorenzo a Ballesteros, “pero non representa todas as empresas editoras galegas nin todos os profesionais galegos da edición. Polo tanto suporía unha alteración do ordenamento xurídico vixente atender a súa solicitude de que 'o stand de Galicia nas feiras internacionais (...) non debe estar a disposición de calquera iniciativa individual”. “Non imos facer un cabalo de batalla con esta cuestión”, admite o presidente da AGE, quen lembra, non obstante, que eles procuran agrupar o gremio para ter maior capacidade de traballo e influencia.

“Volvemos á situación anterior, polo menos en teoría, aínda que con cambios substanciais”, resume Xosé Ballesteros Rei.

Comentarios