O 'Cancioneiro De Botóns' compila repertorio para acordeón diatónico

Asinan o traballo Carlos Quintá e Pedro Pascual, con máis de 100 pezas adaptadas ao instrumento.
Carlos Quintá e Pedro Pascual.
photo_camera Carlos Quintá e Pedro Pascual.

Sae á luz o Cancioneiro de Botóns, título que fai referencia á denominación do acordeón diatónico en moitas zonas da Galiza. A obra consta dunha selección de repertorio tradicional galego, adaptado e arranxado para este instrumento.

Son máis de 100 cancións reelaboradas desde un profundo coñecemento do instrumento e da harmonía, ademais dunha parte antropolóxica onde se recolle un apéndice de fotografías históricas de acordeonistas, mulleres e homes, con toda a súa documentación no referente á autoría, ao ano, ao fondo...

Tamén se inclúe un apartado bibliográfico coa orixe e outra información. Houbo un empeño por parte dos autores por rescatar as imaxes onde aparecen mulleres tocando un instrumento tradicionalmente vinculado ao home.

De carácter divulgativo e didáctico, a antoloxía achégase á Galiza "natural" e ten en conta as áreas hoxe arraianas (occidente astur, norte de Portugal, León, Bierzo ou Seabra).

Despois de cinco anos de elaboración, o traballo ve a luz por fin cunha "inquedanza internacionalista, que permite o achegamento das melodías galegas a acordeonistas non só do país".

A principal motivación desta edición é o "amor profundo que nos une coa preservación inmaterial dunha parte da memoria cultural das zonas rurais galegas, así como das raias fronteirizas, desde un coñecemento profundo tanto da música rural como a de tradición máis urbana do noso territorio".

Asinan o traballo Carlos Quintá e Pedro Pascual, xunto cun equipo de persoas especializadas en diferentes áreas, como Benxamín Otero ou José Do Pico Orjais. Ademais, asina o limiar do libro Ugia Pedreira.

Comentarios