XOSÉ BALLESTEROS, PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE EDITORAS

"A edición en galego descende porque cada vez hai menos falantes"

Os datos do ISBN trouxeron un ano máis malas novas para a edición en galego, unha nova redución da edición en galego en 2016, cun 13,1% menos de libros editados que no ano anterior, facendo un total de 1.211 títulos. Buscamos a razón desta mingua co presidente da Asociación de Editoras e director de Kalandraka, Xosé Ballesteros.

xoseballesteros
photo_camera Xosé Ballesteros

- Houbo un novo retroceso do número de títulos en galego publicados en 2016. Que análise facedes desde o sector? Cales son as razóns, tendo en conta que tanto o euskara como o catalán medraron?
- É un tema complexo de abordar, porque a diminución era algo anunciado, sabiamos que ía suceder. É a fotografía dunha situación que non é nada nova. A precariedade do tecido industrial que existe ao redor do libro galego é evidente. Eu, se tivera que facer un diagnóstico, creo que por un lado o número de títulos é menor porque o mercado está a minguar e, pese a que cada vez é máis doado publicar libros, porque a tecnoloxía permite tiraxes máis pequenas que as que se facían hai anos, o número de lectores descende. Por que descende? Porque cada vez hai menos falantes, eu creo que esa é a primeira razón que habería que destacar. Calquera lingua que teña menos falantes que hai anos, directamente terá menos lectores nesa lingua, é facilmente deducible. Esa sería a raíz do problema. Logo hai outras: os recortes, que teñen que ver tamén coa posibilidade de adquisición de novidades polas bibliotecas, o cambio de paradigma no ensino, que segue a ser unha parte do negocio do libro en galego. Non podemos esquecer que practicamente a metade do libro que se vende en galego é libro de texto. E tamén hai unha crise substancial nese subsector. Eu creo que son unha batería de razóns, que todas xuntas lévannos a unha situación de alarma porque o tecido empresarial é moi feble. Mesmo as grandes editoras teñen que forzosamente reducir os títulos que publican. 

A precariedade do tecido industrial que existe ao redor do libro galego é evidente

- Cal é ese cambio de paradigma no libro de texto?
- O cambio é na adquisición de libros no ensino. Até hai uns anos a maior parte das editoras que publicaban en galego fundamentalmente era pola venda de libros de texto, de dicionarios e de libros de lectura obrigatoria. Iso xa non é así. Nno libro de texto as vendas caeron en picado. Apareceron bancos do libro, unha nova maneira de mercar o libro de texto. Os libros de lectura en moitos lugares son optativos. E tamén hai unha diminución de lectores porque os medios, as redes sociais e as novas tecnoloxías que permiten ter un acceso máis doado á tecnoloxía, a pesar de que son opcións que poderían favorecer a lectura nestes soportes dixitais, eu creo que pola contra son competidores na medida en que ocupan espazos de lecer que se cadra antes estaban dedicados á lectura. 

O libro infantil aguanta porque hai editoras que están exportando, o que lles permite manter un grao de publicación en galego, que se non fose polo apoio da publicación noutras linguas non sería posible. 

- Sen embargo, a edición cultural -literaria e infantil- segue a manter as cifras, non?
- Si, pero tampouco son números como para foguetes. Evidentemente a literatura infantil e xuvenil mantense, porque tamén... que neno non le? Sexa por pracer ou por obriga. Todos os nenos e nenas len, logo cando teñen capacidade de decidir xa fan o que lles peta. E a nivel literario si, mantense, pero non deixa de ser unha porcentaxe pequena con respecto ao total do que é o libro galego. Pola contra, eu creo que as publicacións do teatro e do ensaio en galego son 'rara avis' e iso tamén denota que a nosa non é unha lingua normalizada. O mesmo con respecto ás traducións, son contadas, e hai un grande esforzo por parte dalgunhas editoras para seguir mantendo ese pulso, pero na medida en que as traducións son caras, a compra de dereitos tamén e as axudas públicas cada vez son menores, fai difícil que ese aspecto, que ten que ver coa normalización dunha lingua, sexa moeda corrente. 

A min o que máis me preocupa non é tanto o número de títulos que se publican ou non, senón o número de libros vendidos ou libros lidos. 

- E como pensa afrontar esta situación o sector?
- O sector son a Asociación de Editoras, a Asociación de Escritoras, as librarías... E as librarías no fondo xa bastante problemática teñen, elas intentan vender, sexa en galego ou en castelán. Chámame a atención, por exemplo, que practicamente a publicación en Galiza doutros libros, nomeadamente en castelán, sexa practicamente igual a en lingua galega. Cada parte do sector ten a súa problemática. Nós, desde a Asociación Galega de Editoras, seguimos reclamando cada vez que temos ocasión, que se desenvolva a Lei do Libro, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego no ano 2007, que está practicamente sen desenvolver. Non se pode falar de cambios e de resolver este problema sen desenvolver esta Lei, sen crear o Consello do Libro Galego, que é a que ten dar respostas e facer diagnoses, está contemplada na lei, ao igual que a Cámara do Libro, que permitiría novas estratexias para impulsar a internacionalización do libro galego. Cando antes comentabas que o libro infantil aguanta, pois pode aguantar porque hai editoras que están exportando, o que lles permite manter un grao de publicación en galego, que se non fose polo apoio da publicación noutras linguas non sería posible. Hai que entender tamén que hai imprentas, hai gráficas, que deberían estar preocupadas porque cada vez se publique menos libro galego. Pero no fondo, a min o que máis me preocupa non é tanto o número de títulos que se publican ou non, senón o número de libros vendidos ou libros lidos. Ese é o problema, porque se poderían publicar menos libros con tiraxes maiores. Pero o problema de fondo é que se editan menos títulos e as vendas tampouco aumentan. Máis ben están a diminuír. 

Non hai novas estratexias nin novas propostas para manter unha industria que, non podemos esquecer, é o maior patrimonio cultural que ten este país, xunto coa nosa lingua.

- Como son as relacións de AGE coa Xunta? Manuel Bragado dicía no seu blog que para o Goberno Feijoo "o libro galego é un bonsai para exhibir en determinados acontecementos". 
- Eu, como presidente da AGE, creo que a nosa valoración ten que ser crítica no sentido de que se diminúen as axudas e non somos quen de entender cal é a estratexia para que este sector poida manterse, evidentemente as relacións non poden ser cordiais. As relacións teñen que ser críticas, porque un dos maiores responsables da política para o libro di que a Lei do Libro está obsoleta. Como non vai estar obsoleta se practicamente non se puxo en práctica? A problemática e o cambio para un mundo dixital non significa que haxa que esquecer que hai un mundo analóxico e real que vai continuar durante moitos anos. As bibliotecas cada vez teñen menos recursos para mercar, porque non esquezamos que se en galego se publica máis de 1.000 títulos en galego, e se teñen que repartir entre todas as bibliotecas do país 200.000 euros para compras de novidades, a ratio é moi pequena. E, pola contra, non hai cambios, non hai novas estratexias nin novas propostas para manter unha industria que, non podemos esquecer, é o maior patrimonio cultural que ten este país, xunto coa nosa lingua.

Nós, desde a Asociación Galega de Editoras, seguimos reclamando que se desenvolva a Lei do Libro

- A Xunta está a preparar un Plan da Cultura Galega. Que agardades diso? Están a contar con vós?
- Sabemos que se anunciou publicamente -creo que o fixo o conselleiro nos Premios da Cultura- pero non recibimos ningún tipo de proposta nin de aviso nin nada. Só sabemos o que se publicou nos medios. 

- Hai algunha boa nova no sector editorial? Algún abrollo verde?
- Confiamos no país, confiamos na sociedade galego, estamos vivos e agardamos seguir vivos para cando as tendencias cambien. Eu creo que se desde as instancias políticas non se move nada, teremos que a sociedade civil que buscar alternativas. Nese sentido, se somos quen de conectar cunha gran parte da sociedade, ou unha parte suficiente, o libro galego galego terá futuro. Se colectivamente non somos quen, pois dentro dun ano estaremos falando de que volveu diminuír o número de libros vendidos, e será unha especie de ladaíña que continuará non sei até cando. Pero volvo a dicir que a vida do libro galego está en función da vida da nosa propia lingua e do seu uso.

Comentarios