Boreal Ediciones compila nun volume toda a poesía de Rosalía de Castro

A Real Academia Galega (RAG) acolleu a presentación da edición especial Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos, que conta con ilustracións da artista Gosia Trebacz.
photo_camera Henrique Monteagudo, Víctor Freixanes, a artista gráfica Gosia Trebacz, e Manuel Mariño (RAG)

A Real Academia Galega (RAG) acolleu a presentación da edición especial Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos, publicado por Boreal Ediciones.

A edición inclúe toda a obra poética de Rosalía de Castro -tanto en galego como en castelán-, o único relato en prosa que redactou en lingua galega e as 16 cartas escritas por ela exhumadas a día de hoxe, así como textos publicados en revistas e outros que ficaron inéditos.

O volume tamén contén a reprodución facsimilar dos escasos manuscritos que se conservan da autora fundacional das letras galegas contemporáneas que se conservan, incluídas as últimas descubertas, entre elas a realizada no arquivo da Real Academia Galega no ano 2014. 

«Foi aquí onde atopamos un libro final de Rosalía, Postrimerías, como ela mesma o titulou, obra que debe de estar relacionada dalgunha maneira con En las orillas de Sar», explica Henrique Monteagudo, secretario da RAG.

Os textos orixinais pertencen aos fondos da Real Academia Galega, o Arquivo Municipal da Coruña, o Arquivo da Deputación da Coruña, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Penzol e arquivos privados. Son todos os conservados, mais representan só unha pequena parte do conxunto de toda a obra de Rosalía de Castro, que se supón que ela mesma ordenou destruír antes de morrer. A esta perda sumouse, tras o seu pasamento, a destrución das cartas que lle escribiu ao seu home e editor, Manuel Murguía, que as fixo desaparecer.

Poesía e arte combinadas

Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos, é unha publicación que consta de 640 páxinas, está encadernada en pergameo e presentada nun estoxo, que garda tamén a contribución artística de Gosia Trebacz, autora das nove obras gráficas que inclúe esta tiraxe. 

«A miña achega é en forma dunha serie de retratos de Rosalía, interpretados nun ton do clima húmido galego e en papel vexetal de alta gramaxe. As transparencias e a textura do pergameo dialogan cos manuscritos, os apuntamentos e os seus marabillosos poemas, dándolle a unha parte dos retratos teñen un aire de arte tradicional e, a outra parte de arte pop», describe a artista polaca, residente na Galiza desde hai décadas.

Freixanes: «A de rosalía é a voz máis libre e comprometida da literatura"

Acompañando Gosia Trebacz no acto de presentación de Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos, que se desenvolveu na sede da Real Academia Galega, na coruñesa rúa Tabernas, tamén estivo o presidente da institución, Víctor F. Freixanes; o editor Manuel Mariño; e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, que editou e revisou os textos. 

Quen non estivo presente foi Marina Mayoral, académica de honra da Academia Galega e unha das máis recoñecidas especialistas en Rosalía, que colabora no proxecto achegando o lector á obra poética de Rosalía e ao tempo histórico en que se produciu. 

Para o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, este libro «non substitúe outras iniciativas», mais «merece parabéns» por ser un «esmerado produto editorial», ao que considera como «unha celebración e, ao mesmo tempo, coma unha homenaxe» ao «tesouro da palabra dunha das voces máis intensas, auténticas, comprometidas e libres da literatura de todos os tempos».

O editor Manuel Mariño, pola súa banda, definiu Rosalía como "esa voz universal, loitadora e feminista que cultivou unha poesía social até entón descoñecida", e engadiu que con ela "comeza o renacemento da literatura galega, até converterse na voz do pobo que ama”.

Comentarios