Entrevistamos Sebastián Villasante (Ecoser)

"Ecoser promoverá a sostibilidade ambiental"

O proxecto Ecoser, promovido en  colaboración polas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Almería, promove a sustentabilidade ambiental, económica e social dos servizos ecosistémicos mariños en áreas naturais protexidas. A primeira fase arrinca cunha análise da evidencia científica dispoñíbel e o desenvolvemento de diversas mesas e obradoiros nos que van intervir persoas investigadoras, usuarias, representantes da Administración e do sector produtivo. O profesor Carlos Sebastián Villasante Larramendi explica a Nós Diario as claves deste estudo que dirixe.
O docente da Universidade de Santiago de Compostela Sebastián Villasante.
photo_camera O docente da Universidade de Santiago de Compostela Sebastián Villasante

A que se refire o termo de "servizos ecosistémicos"?

Os servizos ecosistémicos mariños son o conxunto de características, funcións e procesos dos ecosistemas mariños que xeran, directa ou indirectamente, múltiples beneficios que a natureza achega aos seres humanos. Por exemplo, alimento, regulación do clima, patrimonio cultural... Estes son esenciais para o desenvolvemento das actividades produtivas da economía e a propia supervivencia da humanidade no planeta. 

Como se vai desenvolver o proxecto Ecoser?

A través de workshops participativos e obradoiros coas usuarias directas nos diferentes casos de estudo. Para a execución haberá actividades ao longo do litoral do territorio español, quer no Atlántico quer no Mediterráneo: Parque Nacional das Illas Atlánticas e a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro "Os Miñarzos" (Galiza) e o parque Natural Cabo de Gata - Níjar (Andalucía). Os servizos que avaliaremos de forma sistemática e homoxénea en cada caso son: pesca profesional, turismo e actividades recreativas, conservación da natureza e goberno e planificación costeira.

Tamén pretenden elaborar unha guía. Como será isto? 

Si, cos resultados dos diferentes obxectivos previstos, elaborarase unha guía que conteña un protocolo para a avaliación dos servizos ecosistémicos mariño no contexto das Áreas Naturais Protexidas, con vistas á posíbel replicabilidade do que obteñamos noutros lugares.

Cal é a necesidade dun estudo destas características?

De acordo ao informe do IPBES [Intergovernmental Science-Policy Platform on Biodiversity and Ecosystem Services], o Atlántico Nordeste continúa cunha tendencia negativa en todos os indicadores mariños no período 2001-2017, poñendo en risco os servizos na rexión. Sábese, a nivel científico, que o rol das Áreas Naturais Protexidas como instrumento de conservación na protección dos ecosistemas mariños contribúe ao aumento da biomasa dos stocks e que actúa como un factor protector fronte aos impactos do cambio climático. Porén, existe escasa evidencia científica en canto ao papel que xogan na conservación dos servizos ecosistémicos. O proxecto Ecoser pretende promover a sostibilidade ambiental, económica e social destes servizos nas áreas protexidas.

Comentarios