Ecoloxía con humor: volve o Festival Rir Por Non Chorar

Para a xornada de reflexión ADEGA organiza o IV Festival de Humor 'Rir Por non Chorar', que contará con Avelino González e Carlos Meixide.

adega-fest
photo_camera Carlos Meixide e Avelino González

Non todo vai ser protestar. ADEGA cada ano vén organizando este evento para “amosar unha visión máis irónica e retranqueira do territorio e do ambiente galego”. A actividade enmárcase no proxecto Cultura e Territorio que intenta promover a reflexión e o debate sobre a actual xestión territorial e a falta dun ordenamento sostible neste país.
 
O acto, que está apoiado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, terá lugar o vindeiro sábado, 19 de decembro, ás 20:30 horas, no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos). As entradas, de balde, han de retirarse previamente na Deputación ou no local de ADEGA Lugo. 

Outras actividades

Esta quinta feira ADEGA, en colaboración con Bico de Grao, proxectará en Lugo o o primeiro documental sobre a industria téxtil de Galiza, elaborado por Illa Bufarda e promovido pola organización Amarante-Setem, dentro da campaña “Roupa Limpa”. Terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo, ás 20.30 horas. Será o documental que poña o peche ao ciclo audiovisual “A nosa Terra, a nosa Cultura”, destinado a mostrar obras documentais que fagan reflexionar sobre os problemas que afectan ao noso patrimonio cultural e ambiental.

E o 21 de decembro a asociación ecoloxista celebra o solsticio de inverno na Eira da Xoana (Ramil, Agolada), con actividades, xantar, despedida do sol, música da man de Mini e Mero, poesía, contos con Lois Pérez e a chegada do Apalpador. 

Comentarios