Feira en Sober esta fin de semana

E veña viño de Amandi!

O Concello de Sober acolle esta fin de semana a trixésima oitava feira da súa Denominación de Orixe Ribeira Sacra

cristina pato gaita
photo_camera Cristina Pato, alén de actuar, tamén pronunciará o fregón nesta edición da feira

Achégase Semana Santa e, con ela, unha cita ineludíbel no almanaque dos amigos do bon beber. Un ano máis, Sober celebra con ganas a emblemática Feira do Viño de Amandi, que desta volta reúne 23 adegas da zona. “É un orgullo como alcalde poder presumir un ano máis do mellor viño do mundo, da mellor alfaiaría do mundo e do mellor territorio do mundo”, afirmou o rexedor, Luís Fernández Guitián

Con foguetes de sete estalos, ás 11:30 horas do sábado 24 de marzo anunciarán o inicio da feira, que abrirá oficialmente ás 12 horas da man da Adega Guímaro. Haberá unha lembranza en honor á súa matriarca, Concepción Pérez Marcos. A partir das 12:15 horas, a festa comezará a coller ritmo ao compás do Grupo de Música Tradicional Érbedo, quen tamén amenizarán a tarde, desde as 17 horas. Ese será tamén o momento no que a Oficina Municipal de Turismo ofrecerá a Precata Oficial na Sala de Catas.

O público poderá degustar o mellor viño de Amandi mentres goza, ás 18:30 horas, do concerto da Banda de Música de Sober. Logo das 20 horas, a artista Cristina Pato –quen tamén é a pregoeira desta edición– obsequiará os asistentes cun recital no Centro Sociocultural. Após disto, o espectáculo mudará o seu epicentro á Praza do Concello, onde Os Parentes e Gin Toni’s deleitarán coa súa música a partir das 22 horas.
 

O domingo de Ramos romperá ben cedo co disparo de 23 bombas de palenque ás 10:30 horas –unha por cada colleiteiro participante–. Quince minutos despois, a Charanga NBA animará as rúas até as 11 horas, cando lle chegará a quenda á Banda de Música de Sober. Ás 11:30 horas comezará a Cata Oficial na sala habilitada para tal fin no Centro Sociocultural. Á mesma hora oficiarase tamén a misa solemne coa Bendición de Ramos na igrexa. A mañá pechará ás 12.30 horas, coa recepción de autoridades na Casa do Concello, a actuación posterior da Banda de Música, a lectura do pregón a cargo de Cristina Pato e a entrega de premios. Por último, a Feira do Viño de Amandi despedirase bailando coa orquestra Suavecito, a partir das 19:30 horas.

Exposicións e formación

Co gallo do Mes do Amandi, unha chea de actividades paralelas levan a decorrer durante estas semanas. A última será esta quinta-feira 22 de marzo, coa xornada técnica “Uso do frío na elaboración de viños”. Organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, terá lugar de 9 a 14:30 horas no Centro Sociocultural de Sober.

Alén disto, o Centro Sociocultural tamén acolle até o próximo 20 de abril as exposicións “Figuras de antonte e de onte, figuras para o mañá”, primeiro premio do Proxecto didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego; e máis unha mostra dos carteis apresentados a concurso para esta XXXVIII Feira do Viño de Amandi. O cartaz gañador da actual edición é obra da artista Ana Santiso. 

Comentarios