O Nobel ao músico reabre o debate sobre as fronteiras da literatura

Dylan: el proprio é unha personaxe literaria

A primeira criatura literaria de todo grande escritor é el proprio. A primeira personaxe literaria de Hemingway era el proprio, a súa vida, a real e a fabulada, tanto ten onde comezaba unha e concluía a outra. Dylan cumpre á perfección este axioma. 

Dylan
photo_camera Dylan

Todo nel é un enigma, desde o seu aparecimento a principios dos anos 60 no Greenwich Village, de onde diaños viña. A maior parte das historias que circulaban nos cenáculos musicais e literarios naquela altura sobre a procedencia daquel magro cantor de voz deliberadamente nasal eran apócrifas, a grande maioría inventadas por el. Así como hai toda unha lenda sobre a orixe de Cien Años de Soledad haina tamén sobre os primeiros pasos do home que foi visitar no leito de morte Woody Gutrhie, o dono da guitarra vocacionada para matar fascistas.

Dylan sabíase predestinado, mais, a pesar das súas flutuantes crenzas relixiosas, nunca foi un Mesías. Elaborou calculadoramente o seu roteiro. Dylan non era o medium a través do cal se nos manifestase un Deus ora bondadoso ora colérico, tampouco un individuo isolado capaz de levantar por si só o edificio dunha nova Igrexa. Non, Dylan non se explica sen o imenso legado da música popular do seu país, sen Woody Gutrhie ou Robert Johnson, o homo sapiens sapiens non é nada sen o coñecimento acumulado de xeracións. O que fixo Dylan foi apañar o legado e ter a coraxe de o abanear, sen temor a provocar a ira da ortodoxia. Niso si que tiña un aquel de individualista, non deixa de ser un norteamericano, e nos Estados Unidos -desde o conservador Clint Eastwood até o progresista Oliver Stone (ver Snowden)- a épica é a do individuo que muda o mundo, ou contra o Estado ou contra os sacerdotes dun credo, no caso de Dylan os gardiáns das esencias do folk branco.

John Lennon deixou dito que Dylan lle puxo cerebro ao rock and roll. Si, cerebro e poesía. Toneladas de poesía. A personaxe Dylan non se chama así por acaso, Robert Allen Zimmerman, no momento de forxar a súa criatura, resolveu render tributo á figura de Dylan Thomas e adoptou o nome do poeta galés, excesivo, xenial, psicodélico, un chisco Walt Whitman. Non foi postureo, Dylan Zimmerman adoraba Dylan Thomas, Dylan quería escrever cancións, mais non calquera tipo de cancións, quería inxectar poesía nos pentagramas e quería tamén, si, ser coñecido e amado polas masas, así que optou por electrificar a súa música e as súas letras (o rock tiña máis potencial comercial que o folk), nunca tocou como Eric Clapton, mais sabía que os versos con riffs entraban mellor na conciencia do público, e el sempre tivo claro desde o minuto un que quería chegar ás multitudes, que quería ser un autor de best sellers, non un artista de culto para as minorías. Os seus críticos argumentaban: Dylan véndese por dólares. Talvez fose por iso, non estou na súa conciencia para xulgalo. Mais tanto me ten, o asunto é que se hoxe o seu cancioneiro é universalmente coñecido é porque Dylan refugou sempre a tentación elitista, do ponto de vista artístico a saúde da súa conta corrente é un asunto ben menor.

Bob Dylan eléctricoQue escritor é Dylan? Poderoso, hipnótico, magnético, enigmático. Salvo o seu episódico paso polos púlpitos cristiáns, Dylan nunca se ofereceu como un poeta redentor, como un portador de respostas. Desde Blowing in The Wind, sabemos que a resposta a temos que procurar nós proprios, non hai salvadores supremos, ninguén nos ten por que indicar o rumo. Nen nos dirixiu nen quixo que o dirixísemos, it ain't me, babe/
no, no, no, it ain't me, babe/ it ain't me you're lookin' for, babe
. Si que tivo sempre unha vocación, a de ser comprendido, enxergado, non lle interesou nen ser hermético nen críptico, aínda que a súa carreira é a de alguén que se reinventa en cada concerto (até facer irrecoñecíbeis os seus clásicos até para os iniciados), nunca deixou de ser un cantor de música popular, isto é, un vate que escrebe os seus versos para o pobo. Nisto non é John Ashbery, o outro grande poeta norteamericano, o neiorquino que, el si, reúne versos en formato libro e non sabe tocar a guitarra eléctrica e que, aliás, tamén é capaz de facer que un arreguizo che percorra o espiñazo, embora non entendas ben toda a concatenación dos versos, o significado profundo dos vocábulos, a música celestial das palabras.

O Nobel a Dylan reabre o debate sobre os límites, os lindes, as fronteiras, da literatura. Estamos en 2016. Parece mentira que aínda cuestionemos que os xéneros son convencións e que a literatura é unha planta que pode agromar en todas as leiras só coa condición de que detrás haxa primeiro talento e segundo, ou quizá primeiro, unha voz propia, un alento distinto, un instinto por conservar e por renovar á vez. O instinto do Dylan folk non morto -eis algunha das pezas do recente Tempest-, mais tamén do Dylan que mudou para sempre a música rock -despois de o coñecer en 1964, os Beatles, de retorno a UK, facturaron o Rubber Soul e aquilo foi un parte-augas, nada voltou a ser o mesmo.

Estamos en 2016. Parece mentira que aínda cuestionemos que os xéneros son convencións e que a literatura é unha planta que pode agromar en todas as leiras

Claro que hai literatura de primeira na música popular -pensemos en Leonard Cohen ou en Chico Buarque, este, alén do máis, romancista de altura-, e tamén na escrita para o cinema -Fernán Gómez, Billy Wilder...- ou no columnismo xornalístico -desde as pezas do noso Castelao na Nosa Terra até o norteamericao Guy Talese ou Paco Umbral. Nese sentido, o Nobel a Dylan é o primeiro premio moderno que dá a Academia sueca, o primeiro que toma nota de que estamos no século XXI e que a arte se leva mal cos corsés e cos dogmas, non deixa de ter a súa graza que sexa unha institución deste teor, as academias son sempre formais, a que mostre que as regras clásicas caducaron.

Algún día gañará o Nobel unha escritora de tuits, xa o veredes e non me parecerá mal. Mentres tanto, talvez o xenio de Duluth (naceu nesa pequena cidade de Minnesota o 24 de maio de 1941) resérvanos algunha sorpresa para o discurso de recepción do premio. Tende claro que non nos ensinará ningunha saída ao labirinto. Imos ter que a procurar nós proprios. Mellor así.

Comentarios