Análise

Durán, historiador da Galicia contemporánea

Finou a pasada fin de semana José Antonio Durán, un historiador do pasado e un cronista dos presentes que foi vivindo. Para o profesor da USC e historiador, “un amigo sempre disposto a botar unha leria ou colaborar nun proxecto e, sobre todo, disposto a imaxinalos e executalos”.
José Antonio_DURAN_nunha entrevista para Murguia_Revista_Galega_de_Historia_2017_b
photo_camera José Antonio Durán nunha entrevista para Murguía Revista Galega de Historia en 2017. (Foto: Instituto Galego de Historia)

De todos os seus traballos, que foron moitos, o máis decisivo para min sempre foi “El problema agrario de Galicia”, publicado en 1981 naquela revista do Ministerio de Agricultura que se chamou Agricultura y Sociedad. Durán tiña moi boa man para os títulos e os subtítulos. O mellor daquel traballo foi precisamente o subtítulo: “Otro proceso de cambio por derribo” que o dicía todo. Grandísimo coñecedor do pasado, neste traballo que case ten catro décadas viña explicar que o mundo rural galego non merecía aquel presente desenrolista e destrutivo que se lle estaba facendo dende vinte anos antes.

Foi dos primeiros en entender que o pasado contemporáneo do mundo rural galego -que el tan ben coñecía- merecía e debía aspirar a outro presente, coherente coa capacidade emprendedora que a sociedade rural despregara antes de 1936. Unha capacidade que o franquismo destruíra e que o antifranquismo –incluído o da utopía maoísta e case todo o nacionalista- simplemente ignoraba.

Progresista e amigo dos cambios, foi dos primeiros en recoñecer e explicar coherentemente que o mundo rural galego non estaba a desenvolverse, senón a ser destruído. Fíxoo cando case ninguén o vía, cando as concentracións parcelarias, a obsesiva redimensión das explotacións ou a substitución do esterco e o alimento producido na casa por insumos mercados fóra da explotación eran a folla de ruta inconfundible cara a un presente cheo de montes que arden, abandono e explotacións gandeiras insustentables sen terra. Cando o empeño en modernizar ou revolucionar os labregos partía de descoñecelos como suxeitos. Ben sabía el que non había ren que modernizar porque Galicia xa fora moderna cando tivo que selo, cando os Cafés Modernos se abrían nas vilas e nas cidades do país e cando a revista Prácticas Modernas chegaba ás casas dos líderes labregos.

Foi un grande historiador independente, sempre fóra da Academia pero sempre disposto a colaborar coa investigación universitaria de cantas formas fose posible. Unha das últimas como libreiro de vello. Foi historiador pero gustaba de titular Crónicas os seus traballos. Froito exquisito da súa xeración para el a Historia era unha ciencia social utilísima para o descubrimento do presente, para o coñecemento do mundo que nos rodea. Unha disciplina que axuda a entender e interpretar o que ignoramos, non entendemos ou mesmo desprezamos do mundo en que vivimos. Unha forma de saber que serve para imaxinar outras capacidades, opcións e posibilidades fundamentadas no que descubrimos e recoñecemos que fomos colectivamente, máis ben no que foron os nosos devanceiros. 

A el, como a Isaac Díaz Pardo, aplícaselles ben o dito de meu pai: “o que outro súa pouco dura”. Suando o seu traballo eles querían construír, reconstruír ou facer durar o que outros suaran antes. Poucos coma el entenderon a forza creativa do rural galego e como a cidade nunca puido entenderse aquí sen o rural. Cando nos descubría o primeiro Castelao, a Portela Valladares ou a Valeriano Villanueva amosábanos un país de labregos hoxe desaparecido pero que aínda seguía a resistir mentres el escribía na décadas dos setenta algunhas das súas obras máis senlleiras. El buscaba no pasado a perfección do traballo e do esforzo colectivo a prol da mellora social e cultural e dese mesmo material fixo as súas obras.

Ademais de historiador foi moitas outras cousas e sempre un emprendedor do coñecemento do pasado e dos formatos para divulgalo. Castelao, o agrarismo, as xenealoxías das elites políticas galegas e a historia do xornalismo galego foron algúns dos campos que traballou. Sabíao todo dos últimos dous séculos deste país e déixanos unha inmensa obra que axuda a iluminar sen prexuízos o coñecemento do pasado colectivo. Sen prexuízos e sen manipulacións ou interpretacións nesgadas ou sectarias. As súas achegas poden ser criticables, discutibles, serán melloradas pero sempre están fundamentadas no rigor e no coñecemento das fontes. 

Foi un mestre para moitos historiadores mozos e un amigo sempre disposto a colaborar. A terra seralle lene e a memoria fecunda. Os mellores expertos na historia do agrarismo galego, como Miguel Cabo, Andrés Domínguez ou Henrique Hervés, medraron como historiadores lendo e seguindo as súas pistas. Para todos nós foi un modelo de escrita, un pozo de coñecemento de fontes e un revelador de pasados descoñecidos. Foi mesmo un co-inventor diso que os italianos chamaron microhistoria e que cun bo márketing se autoatribuíron. El empezara a facelo antes pero chamábaselle historia local. Lembrarémolo ademais de polas súas obras, polo seu marcado falar acompasado e o seu sorriso ben disposto, transitando entre Azuqueca de Henares, o Rastro madrileño, Rianxo e Pontevedra. 

Rigor e coñecemento das fontes

El traballou con todo tipo de fontes para coñecer o pasado contemporáneo: prensa, moita e rica prensa de época –leuna e coñeceuna toda–, bibliografía descatalogada, memorias, documentación privada e oficial. Construíu unha interpretación do pasado contemporáneo sen memoria. E isto é importante destacalo hoxe.

Antes do xiro memorialista que tanto valor e tanta veracidade outorga á lembranza do protagonista dos acontecementos do pasado, el construíu unha Historia sen testemuñas, moi acaída, verosímil e contrastable e antes do triunfo da vítima como valor supremo para observar o pasado, el construíu unha historia de heroes e heroínas colectivos que traballaban o presente e melloraban o futuro.

Comentarios