Duplo premio para 'As que limpan' d'A Panadaría, en Cariño e en Ciudad Rodrigo

As que limpan, o espectáculo da compañía A Panadaría que aborda a loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos, consegue o premio do público na Mostra de cariño e nba Feira de Ciudad Rodrigo.
Unha escena de 'As que limpan', da Panadaría.
photo_camera Unha escena de 'As que limpan', da Panadaría.

O espectáculo As que limpan da compañía A Panadaría, ven de acadar dous recoñecementos, dentro e fóra da Galiza. Por unha parte, o público da XLIV edición da Mostra de Teatro Galego de Cariño elixiu esta montaxe como a mellor obra para público adulto do programa deste ano. Por outra, o público da XXV Feria de Teatro de Castilla y León- Ciudad Rodrigo tamén escolleu a obra d'A Panadaría como Mellor espectáculo de Sala do programa deste ano. 

As que limpan é unha coprodución da compañía A Pandaría co Centro Dramático Nacional que se estreou en Tui o pasado mes de febreiro e que, desde aquela, xa xirou por varias prazas da Galiza e do resto do Estado. 
 

 

Co subtítulo A loita das camareiras de piso galegas, a obra, escrita, dirixida e interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, aborda “a loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hostaleiras”. 

A montaxe volverá en outubro á Galiza, onde se representará en O Grove (día 2), Pontevedra (día 6), O Barco de Valdeorras (día 7), en Ourense, dentro do programa do Festival Internacional de Teatro (día 13), en Carral (día 14), en Moaña (día 16), e en Vigo (do 21 ao 30). 

Premio do público infantil 

Por outra parte, A nova historia da cigarra e da formiga, de Teatro del Andamio -dirixida por Tatiana Likhacheva e interpretada por Gema Ulloa e Fran Giraldo-, foi a obra escollida para recibir o Premio do Público Infantil na Mostra de Teatro Galego de Cariño. 

A Panadaría e Teatro del Andamio recibirán o galardón na na 45ª edición da Mostra, que terá lugar en 2023.

Comentarios