martes 11/08/20

Dulce Anca, artista: "Comecei técnicas novas que proceden da memoria de meu pai, a da construción naval"

Dulce Anca, artista (Dulce Anca)
Dulce Anca, artista (Dulce Anca)

A pintora Dulce Anca explora desde a natureza do xardín as mudanzas do mundo contemporáneo. Esta artista traslada o efémero da nosa realidade a un espazo que muda co tempo. E leva consigo para vivir esta experiencia a trinta artistas que dan a súa propia visión da muller a través de diversas plataformas na exposición "Eau de femme" que se pode ver na Fundación Torrente Ballester até outubro. Na temática de Anca perdura a memoria familiar do traballo nos estaleiros e a da figura da muller que sofre violencia. A súa rebeldía é ir a contracorrente do que manda o mercado.     

Como explicaría os seus inicios e que relación teñen co proxecto expositivo que puxo en marcha en Ferrol?

Ensinoume a debuxar Ricardo Segura Torrella, un artista ferrolán xa finado. Eu, daquela, vivía na urbe mais logo volvín para o rural e alí vivo unha serie de experiencias, como o alzhéimer de meu pai, que marcaron a miña obra. Pasei por altos e baixos. Para este último proxecto foi moi importante saber de Dolores Villaverde en 2009  e que coñecera o proxecto que tiña nese intre, Femme, que me deu a idea de traballar a partir dos seus estudos sobre o perfume en publicidade.

Á hora de crear, as artistas empregamos momentos experienciais diversos. Moitas das que tiven eu están nese proxecto.  

En que consiste 'Eau de femme'?

Foi un proxecto lento que comezou en 2016. A idea céntrase nun xardín. Coidalo é un acto de fe como a arte. Dialoga a través da identidade mais en colectividade. O xardín forma parte de min desde a infancia e agora mesmo, onde vivo, forma parte da miña creatividade. Aproveitei a visión de que nese espazo todo muda e ten a súa propia orde. É o que mellor define os actuais tempos cheos de inestabilidade, pulsións... 

O propio xardín é unha metáfora da felicidade, como cando se fala do paraíso. Tamén o xardín como delirios de prexuízos como no caso de Adán e Eva. De quen foi o pecado? O terreo feminino sempre ten moitas máis trabas a partir das influencias xudeocristiás. Hai, tamén, unha liña aberta a ter ‘olfacto’. A idea da exposición é un xardín conceptual no que hai que descifrar os olores. Falo tamén da memoria que é onde están os recordos que se fixan a través da emoción. Foi para min todo un reto ser comisaria, como artista, desta proposta artística.

Dolores Villaverde di que vostede é unha artista rebelde. É certo?  

Creo que a rebeldía, se vai cunha persoa, estará no que faga. É inevitábel. Sexas artista ou teñas outra profesión. Creo que ninguén se propón ser rebelde. Eu trato de ser sincera comigo mesma. Por este motivo, teño que contar as cousas que me pasan a min como persoa e como artista, non se poden separar ambas facetas. A arte está en crise e cando as quero contar todo o que me arrodea sitúome no que eu sinto. A rebeldía que poida ter, o non estar conforme con moitas cousas, terá que saír dalgún lugar... Pásame en Eau de femme onde a xente agarda que contes algo.

Cal é a rebeldía na súa obra?

Traballo fundamentalmente coa violencia machista, mais dunha maneira que hai que descifrar, eu non traballo moi directamente o que conto. Sempre trato coa figura feminina, como esperanza e como denuncia. Contemplo, desde esa rebeldía, traballar con materiais de baixo custo. Comecei cunhas técnicas novas que proceden da memoria de meu pai que é a da construción naval porque a comarca onde eu vivo vivía fundamentalmente de Astano, hoxe Navantia. Entro nunha serie de dinámicas con respecto ao mercado da arte a través dos meus propios materiais.

En pezas como a que trata a figura feminina como a esperanza fomento un debate sobre se hai futuro por entrar o efémero. Ese aspecto paréceme fundamental tamén polos tempos en que vivimos de fugacidade, de exceso en moitos aspectos como, por exemplo, no mundo das redes sociais que non é máis que algo que nos crearon. Eu vou contracorrente con todo isto.

Dulce Anca, artista: "Comecei técnicas novas que proceden da memoria de meu pai, a da...
comentarios