Dudamel dirixe ora con brío ora con sutileza o concerto de ano novo

No concerto de ano novo por excelencia, tal vez o maior fenómeno mediático global arredor da música clásica, desta volta oficiou como director o venezuelano Gustavo Dudamel. Fixo historia ao se tornar na batuta máis nova en liderar a Filarmónica de Viena en tan augusta ocasión. Ten apenas 35 anos e o seu talento -mestura de paixón e refinamento- é indiscutíbel.

Screen Shot 2017-01-01 at 14.47.58
photo_camera Gustavo Dudamel dirixe o público durante a Marcha Radetzky

Con Dudamel as orquestras sinxelamente vibran, teñen alma, saben en que momento desbocarse, o fluír da música nunca é previsíbel. É un superdotado da técnica -levaba todas as partituras memorizadas-, mais o que o define é a súa extraordinaria capacidade para galvanizar as e os músicos, para tirar delas e deles sempre a mellor das súas prestacións.

Dirixir este concerto é a consagración para calquera director. É colocarse na esteira dos máis grandes, desde Von Karajan a Claudio Abbado pasando por Zubin Metha, Nikolaus Harnoncourt ou Mariss Jansons. Dudamel estivo a esa altura, precedido do seu crédito profisional como director titular da Filarmónica de Los Ángeles e da Orquestra Sinfónica Simón Bolívar de Venezuela, esta última buque insignia do programa de acción social e educación musical intitulado El Sistema, un proxecto impulsado polo líder bolivariano Hugo Chávez para levar a música culta ás clases populares.

O concerto de ano novo é tamén unha ocasión imperdíbel para gozar dunha extraordinaria realización televisiva, a da ORF, a televisión pública austríaca. Un impresionante despregamento de 14 cámaras, sabiamente dirixidas por Michael Beyer, fai que non perdamos un só detalle das evolucións de músicos e director. Aí brillou a asoballante personalidade escénica de Dudamel, unha batuta que ten ese intanxíbel chamado carisma e que alcanzou grandes cimeiras na interpretación dunha intensísima A Dama das Espadas (unha obertura de 8 minutos de Franz Von Suppé) e, por suposto, na xa lendaria coda da Marcha Radetzky, de Johann Strauss, coa que o director venezuelano mostrou, mais unha vez, a súa enorme versatilidade, cualidade que lle permite alcanzar a excelencia mesmo con repertorios como este, o dos valses da familia Strauss, co que non está familiarizado.

Nota de Sermos: na redacción orixinal desta información atribuíse por erro a Marcha Radetzky a Johann Strauss Fillo, cando en realidade a compuxo Johan Strauss (pai).

Comentarios