As dúas películas arredor de Filgueira Valverde

Son a cara e a cruz da personaxe á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Un procede do ámbito da oficialidade no que tan ben se moveu o autor e busca avalar a súa condición de erudito e piadoso personaxe da ditadura. O outro provén do reintegracionismo, a quen o “Decreto Filgueira” botou fóra do ámbito oficial. Dous documentarios con distinto prisma para este 17 de maio. 

filgueira
photo_camera filgueira

Malia a participación de historiadores, algúns deles implicados na investigación da represión, o documental elude a implicación orgánica de Filgueira Valverde no franquismo e mesmo xustifica a súa posición no réxime da ditadura, afondando na imaxe de figura piadosa que facía o mesmo servía   ás persoas perseguidas desde os seus cargos oficiais. A aparición de Amalia Bóveda, a filla nacida despois do asasinato de Alexandre Bóveda, e o seu fillo en conversa para exculpar a Filgueira da acusación histórica de ter abandonado o nacionalista é un exemplo da liña argumental do documentario da Xunta. 


Dirixido por Gonzalo E. Veloso, o filme documental disponibilízase de maneira gratuíta na rede e recolle, en conversas de a dous, opinións de historiadores, investigadores, familiares e amigos de Filgueira Valverde.Carlos Reigosa, Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández Rei, Xusto Beramendi, Daniel Lanero, Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Míguez, Andrés Rodríguez Almansa, Víctor Freixanes, Ramón Villares, Inma López Silva, Henrique Monteagudo, Pegerto Saavedra, Carlos Valle, Francisco Díaz-Fierros, Xosé R. Fandiño, Anton Lopo, Luis Cochón, Amalia Bóveda, Valentín G. Bóveda, Xavier Fortes, Xosé Fortes ademais dos fillos e fillas de Filgueira son os participantes nas conversas arredor do homenaxeado neste 17 de maio. 

Desde o reintegracionismo 

A AGAL aproveita tamén o desempoeiramento da figura de Filgueira Valverde pola Academia para ir ás orixes da normativa actual do galego e achegar a opinión daquelas persoas que tiveron parte ou coñecen o intenso debate que derivou nas normas ortográficas de 1982 nas que o reintegracionismo ficaría excluído da oficialidade. 

Dirixido por Ozo Perozo, o documentario “Decreto Filgueira” pon a luz sobre as distintas posicións mantidas e mesmo sobre os mecanismos que conduciron a, finalmente aprobárense as normas actuais, un proceso no que o homenaxeado este ano pola Academia foi protagonista principal. 

“Nem foram as primeiras normas oficiais, nem contárom com o apoio de importantes setores da cultura galega, que debatia intensamente sobre qual havia de ser a orientaçom ortográfica do galego desde o início dos anos 70”, sinalan desde a AGAL na presentación do documentario que ten como obxectivo fundamental explicar no ensino secundario o nacemento da normativa, deixando á vista a exclusión do reintegracionismo, capitaneado por Ricardo Carvalho Calero, a figura que, por outra banda, continúa sen ser homenaxeada no Día das Letras Galegas. 

Xosé Luís Barreiro Rivas, Elvira Souto, Isaac Alonso Estraviz, Francisco Fernández Rei, 
José Luís Rodríguez, Maria Xosé Queizán, José Luís do Pico Orjais, Francisco Rodríguez, Tiago Peres Gonçalves, Uxío-Breogán Diéguez e Carlos Velasco son as voces que se escoitan no documentario no que, entre outros episodios relátase como se optou polo nome oficial “Galicia” para o país a man alzada, cun grupo de persoas non numeroso que opinaron sen maior criterio filolóxico nin histórico. 

Decreto Filgueira from Agal Audiovisual on Vimeo.

Comentarios