Dúas iniciativas para que os agasallos sexan abertos ao galego

Que teñen en común uns zocos de deseño, un bono para ir a un balneario e o primeiro xogo do Xabarín? Pois que son posíbeis agasallos dunhas festas responsábeis coa lingua. A Mesa coa iniciativa “Abertos ao galego” e CTNL a través do proxecto “agasallo.eu” convidan a que a lingua sexa un valor á hora de escoller os galanos. 

agasallos
photo_camera agasallos

Noventa empresas e entidades toman parte da rede Abertos ao Galego, promovida pola MNL, que estas festas, como nos dous pasados anos, publica na rede e en papel o seu catálogo de agasallos. Libros, roupa, produtos gastronómicos ou tratamentos termais incorpóranse a súa oferta que ten un denominador común, agasallar tamén coa lingua, servindo de difusión para empresas que promocionan o galego na súa actividade comercial. O catálogo de Abertos ao Galego está disponíbel na rede. 

“Existen produtos e servizos que si apostan polo noso idioma e que non teñen en absoluto a visibilidade que deberían”, sinala Iria Taibo, coordinadora do proxecto que ten como un dos fins pór luz nesta época na que o consumo medra sobre as empresas que empregan o galego . 

Do viveiro á rede

Libros, música, audiovisual, xogos, tecnoloxía, téxtil, experiencias, alimentación e outros son os apartados do catálogo agasallo.eu, a nova proposta que botou a andar este ano a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CTNL). Desde marmalada de sabugueiro, até o disco de Os da Ría, dun aparato tecnolóxico a un boneco do Apalpador e moitos libro se discos son algunhas das propostas que o novo portal acolle para dar ideas a quen queira facer agasallos responsábeis coa lingua nestas datas. 

Agasallo.eu nace por volta do Nadal mais ten vocación de se dirixir a todas aquelas datas, ou mesmo sen data concreta, nas que o regalo toma protagonismo. A plataforma dixital da CTNL ten como obxectivo compilar, difundir e recomendar agasallos que se presenten na nosa lingua. No web pódense procurar polo prezo, idade ou tipo de produto e de cada proposta atoparase información sobre como e onde conseguir o agasallo elixido. Como aconteceu coa campaña “Gústame o galego”, o proxecto de “Agasallo.eu” naceu nun viveiro de propostas normalizadoras. 

Comentarios