El Fakhour: “Rosalía ten que ser recoñecida como un dos grandes nomes da literatura universal"

Descubriu a Rosalía de novo e agora está a rematar a tradución da súa obra en prosa ao árabe. Driss El Fakhour móstrase fascinado pola súa calidade literaria e forza reivindicativa.
Driss
photo_camera Driss

En comunicación co Departamento de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña, nunha das liñas de investigación desenvolvidas arredor da escritora xunto coa profesora Marta Naveira, o profesor de Lingua e Literatura Hispánicas en Taza, Universidade de Fez,está a traducir a obra en prosa de Rosalía de Castro que sairá publicada neste ano nunha editorial de Tánxer. Destaca a calidade da autora e defínea, ademais, como precursora do surrealismo e o realismo.

-Como chega vostede á obra de Rosalía de Castro?

Agora dedícome á tradución da súa obra mais o meu primeiro achegamento a ela é de cando estudante na Facultade. Un profesor levounos ás aulas un texto poético da súa autoría e deunos información sobre a súa figura. Quedoume gravada para sempre. Non falo galego nin me movo con facilidade na súa lingua así que escollín a súa obra en prosa.

-Vai entón publicar a obra rosaliana en árabe?

Presentei un proxecto a través do Ministerio de Cultura do goberno español para traducir a obra de Rosalía e foi aceptado co cal iniciei así o traballo que vai publicar unha editorial en Tánxer. Publicarei pezas de distintos xéneros, ensaio, conto, novela ou cartas. Conto ter o traballo rematado en marzo.

-Que ten a escritora que fixo que prendera da súa obra?

De sempre me interesou no meu estudo o período do Romanticismo e a figura desta muller é realmente sorprendente. Estamos diante dunha figura que considero líder do movemento que defendía os dereitos da muller nunha sociedade reaccionaria. Ademais ten un estilo que comunica, que chega á persoa lectora.

- Partilla da interpretación que tende a definila como saudosa ou pola que defende a súa figura como muller combativa?

Atopo unha Rosalía moi afastada da melancólica, triste, problemática ou acomplexada. Ofrece unha percepción moi ampla do mundo, da literatura e da sociedade con moita forza de compromiso coas súas ideas.

"Rosalía foi unha das primeiras persoas que escribiu poesía surrealista"


-Entre os textos que traduce atoparase “Las literatas”, a reivindicación dun espazo propio para as mulleres escritoras.

Para min estamos diante dunha das persoas líderes que combateron intelectualmente para mudar a imaxe das mulleres e contribuír a que teñan o seu espazo dentro da sociedade, con respecto, cóbado a cóbado cos homes. Ao tempo, son especialista en poesía surrealista e en El caballero de las botas azules, hai un episodio dunha comida que se dá entre os homes do pobo e o cabaleiro, aparece unha morea de pratos que nomea de maneira surrealista. Ninguén fixo referencia a que Rosalía foi unha das primeiras persoas que escribiu poesía surrealista. Son imaxes irónicas e fantasmagóricas, moi propias destes movemento. Anticípase na súa obra e mostra un sentido creativo e do humor. O seu sentido do humor e da ironía é moi agudo, en especial coa relixión e a sociedade decimonónica.

-Trascende no ámbito literario en especial pola súa poesía. O seu achegamento é a prosa, como valora a súa calidade literaria?

Un tradutor fai unha lectura distinta, digamos que máis profunda e, en función dixo, diría que pola súa prosa é unha escritora xenial, á altura na narrativa a Galdós. Ten capacidade para incluír ao lector dentro da narración. A escrita do realismo tamén arrinca con ela, toma pé. Trátase dun realismo lonxe do folclorismo e do estilo costumista. As figuras que pinta e retrata son reais.

-Coida que está á altura dos grandes nomes da literatura mundial?

É, sen dúbida,unha das grandes figuras universais. A súa produción é a que demostra esta afirmación. Considero que Rosalía de Castro é un dos nomes privilexiados da literatura de todo o mundo, cun grado de relevancia grande que se recoñecerá co tempo. Rosalía é símbolo de Galiza no mundo intelectual, tal como percibo. Tamén aprecio que está a ter relevancia a nivel Estatal e nos círculos intelectuais comeza a dárselle o seu xusto valor. Compre que a súa obra se traduza para que acade ese espazo que merece na literatura mundial.

-Ter escrito en galego dificultou a súa difusión?

Sen dúbida. A nivel editorial, os selos empresariais non querían investir en libros que tiñan como destinatarios un ámbito limitado. Comprobo que moita xente optaba por escribir en castelán para conseguir maior difusión, caso do propio Manuel Murguía ou Fernández Florez. Ela opta por unha posición de novo de combate, defendendo a lingua galega para animar coa súa práctica a ler e escribir na súa lingua.

-Traducir unha escritora galega ao árabe será singularidade, chega a súa lingua calquera outro nome da nosa literatura?

O estudantado descoñece autores da literatura galega na súa condición de galegos. Estúdase a Valle Inclán, poño por caso, mais nunca desde a relevancia da súa pertenza galega. Non hai un corpus marcado da literatura da Galiza. 

"A obra de Rosalía pode ser unha lectura moi acaída para as mulleres feministas do meu país".

-En canto a literatura escrita por mulleres, ao seu ver, en que lugar se sitúa Rosalia?

Cando comecei a estudar a literatura de mulleres só nos falaban de Virxinia Wolf ou Anais Nin como nomes que levaban a antorcha de defender ás mulleres desde a escrita mais nunca se facía referencia a Rosalía. Para min atopala foi unha sorpresa, a súa obra e a súa figura é un desafío e goza dunha audacia intelectual inestimábel.

-Alén diso, a defensa dos dereitos nacionais galegos é presenza constante na súa obra.

Contribúe isto tamén á sorpresa. Atoparme nese momento histórico cunha muller intelectual que defendía a lingua nacional da Galiza e os seus dereitos lingüísticos foi para min unha descuberta.

-Como será recibida a súa obra nunha sociedade árabe na que, maiormente, a muller aínda non conta con igualdade formal?

Aconsellaría ás intelectuais feministas marroquís que coñezan a figura de Rosalía de Castro e o seu percorrido de combate a pro da liberdade da muller. En determinados países árabes aínda perdura unha situación dramática da muller, con diferentes niveis. En Líbano Siria ou Exipto hai un espazo feminino que agroma na escena pública mentres en Afganistán ou Paquistán fai fala unha revolución para cambiar mentalidades. A obra de Rosalía pode ser unha lectura moi acaída para as mulleres feministas do meu país.

Comentarios