Mostra de Teatro de Cangas

O dramaturgo Gustavo del Río gaña o VIII Torneo de Dramaturxia

Nesta oitava edición do Torneo combateron Borja Fernández, Cris Balboa, Gustavo del Río e Teresa González Costa.
Foto de familia do Torneo de Dramaturxia.
photo_camera Foto de familia do Torneo de Dramaturxia.

Catro textos combateron no VIII Torneo de Dramaturxia da Galiza celebrado no Auditorio de Cangas dentro da programación da Mostra de Teatro. Todos tiñan o mesmo lema de partida:  “Isto hai que paralo”. Ao final da gala, presentada pola tamén dramaturga Déborah Vukušić, o público ditaminou co seu voto que PEC fose o texto gañador. O seu autor é o director e dramaturgo Gustavo del Río. Como é habitual, cando o público vota aínda non sabe quen escribiu cada unha das pezas.

Nesta oitava edición do Torneo combateron Borja Fernández, Cris Balboa, Gustavo del Río e Teresa González Costa. Os seus textos foron representados no ring polos actores e actrices Nadia Doménech, Mighello Blanco, Bea Campos, Iván Davila, Jorge de Arcos, Mónica Sueiro e Ángel Blanco.

O primeiro texto que se presentou foi Quen ten a coroa?, de Borja Fernández. Os actores Mighello Blanco e Nadia Doménech puxeron en escena o discurso dun rei sobre os símbolos da coroa que vai derivando cara á exaltación, en todos os sensos, persoal e familiar.

O segundo texto que subiu ao ring foi Microbiota fecal, un monólogo de Cris Balboa lido por Bea Campos arredor da tiranía da cultura da imaxe e do benestar.

#vinganzadoanxo, subtitulado como “un delirio cósmico nun acto”, foi o terceiro texto en ser lido. A súa autora, Teresa González Costa, trasládanos a un universo con dous anxos gardiáns do ceo, un dos cales busca xerar unha rebelión para parar a desfeita que está a cometer o ser humano. Iván Davila e Jorge de Arcos foron os intérpretes.

Pechou a presentación, PEC, lido por Mónica Sueiro e Ángel Blanco. O texto de Gustavo del Río, que resultou ser o gañador da velada, aborda as dificultades comunicativas entre unha nai da xeración X e o seu fillo da Z, e como ela tenta romper as barreiras para poder entendelo e comunicarse con el.

Os textos desta edición foron xa publicados por Edicións Positivas, nun volume que se puido adquirir, ao igual cós das edicións anteriores, ao remate do torneo.

Detrás da organización deste proxecto están Santiago Cortegoso e Esther F. Carrodeguas e a propia MITCFC. O Torneo conta tamén coa colaboración do Centro Dramático Galego.

O gañador desta VIII edición, Gustavo del Río, mostrou a súa emoción por compartir este torneo con compañeiros e compañeiras da profesión. Sobre a temática do seu texto, o director e dramaturgo explica que estamos a vivir un “conflito entre xeracións” pola forma de comunicarse e quixo falar del con moito sentido do humor. “É outro torneo o que se vive en moitas casas” a raíz destas diferentes formas de comunicarse, di entre risas o director artístico e xestor da compañía teatral Náufragos.

Comentarios