venres 17.01.2020
Luís Bará, escritor

"É dramático o das rías como auténticas foxas comúns"

A memoria histórica volve resgatar Luís Bará (Vilaboa, 1965) para o mundo da cultura e da súa paixón, a literatura. Deputado e concelleiro, vén de publicar a súa opera prima Non des a esquecemento, un libro escrito a medias entre o xornalismo e a literatura no que recupera historias da represión nas que tira de fíos tecidos na memoria oral ou dos arquivos, pero sen esquecer nunca o compoñente emocional daqueles días de barbarie. Entrevistámolo no 244 do Sermos Galiza. Aquí un extracto da conversa.

"É dramático o das rías como auténticas foxas comúns"

No libro fas un traballo de pescuda na memoria oral pero tamén acudindo a arquivos. Que buscabas que non estivese escrito polos historiadores?

Primeiro, que hai moitas historias que non estabas escritas, sobre todo a nivel máis micro, local. E logo o que fixen nalgúns casos foi contrastar o que contaba a memoria oral e o que estaba na oficial, que basicamente son causas militares. Hai unha parte dos estudos historiográficos á que lle falta un estudo da memoria oral. A min chamoume moito a atención a grande cantidade de entrevistas que hai no fondo de Nomes e Voces [o proxecto de investigación da USC posto en marcha no bipartito] e que non se lle saque máis partido. Porque son absolutamente descomunais, a información que dan é complementaria das fontes escritas. Aí hai unha mina. Eu escoitei algunhas e citeinas, pero hai un fondo aí que pode dar xogo para escribir esa parte da historia que non foi contada, sobre todo a represión sobre as mulleres.

6Ese proxecto de investigación quedou a medias, non?

Foi aniquilado por parte do Goberno do PP porque non lles interesaba nada todo o que tivese que ver coa memoria histórica. Eliminaron todas esas políticas. Eu o que digo é que hai un enfoque máis testemuñal e máis emocional sobre o que pasou que non se está aproveitando suficientemente. Hai libros, pero domina máis o enfoque historiográfico, que eu creo que é parcial. Necesario, claro, pero non se debe desbotar a achega da memoria oral.

 Tamén falas das rías como auténticas foxas comúns.

Si, e dos cemiterios. En Pontevedra hai centos de persoas que foron enterradas en cemiterios e as súas familias non souberon máis delas. Pero eu creo que o máis dramático é o das rías. Eu descubrín un caso, que non estaba rexistrado como moitos outros, dun veciño de Vilaboa que era canteiro, que o torturaron, o mataron e o tiraron á ría e o seu corpo nunca apareceu. E a súa familia nunca tivo dereito a poñer flores nunha tumba, nin a facer o dó, algo que na cultura galega é algo central. Compartir a dor, socializala… non poder facer iso é terríbel, marcou moito as familias.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 244, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

comentarios