Máis

O drama e o humor enchen O Morrazo

Cangas acolle a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo. A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) comezou xa a súa segunda semana e estenderase até o domingo. Nunha edición máis, a asociación cultural Xiria volve encher diversos espazos da vila do Morrazo co teatro máis variado e contemporáneo da Galiza.

O elenco de 'Feísima enfermedad'. ( Foto: MITCFC)
photo_camera O elenco de 'Feísima enfermedad'. (Foto: MITCFC)

Tras a celebración do seu corenta aniversario na pasada edición, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) enceta un ano máis un dos festivais máis variados e actuais da xeografía galega. Aínda que a Mostra comezou a pasada quinta feira, 27 de xuño, os asistentes poderán seguir mergullándose nela até este domingo, 7 de xullo. Son dez días nas que a vila de Cangas (O Morrazo) pasa a ser un simultáneo de representacións teatrais, eventos e obradoiros.

A asociación cultural Xiria leva desde 1984 organizando a MITCFC. O crecemento destes últimos anos non impediu manter o humor como o distintivo que define a natureza desta mostra. Cada ano, son os encargados de transformar a vila nun gran teatro que acolle espectáculos en lugares tan inesperados como capelas, as rúas ou o mar. A MITCFC ten por bandeira a defensa da igualdade de xénero e promove, xunto co proxecto Mulleres en Acción, a creación escénica de mulleres de todas as idades.

Un “Neo-Teatro” a concurso

Esta mesma noite, ás 22 horas, terá lugar no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela a oitava edición do Torneo de Dramaturxia da Galiza. Desde a MITCFC afirman que “é unha forma de dar a coñecer a nosa dramaturxia e crear así un nexo directo entre autoras, autores e o público”. O torneo conta coa colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional de dramaturxia na Galiza. Estará presentado pola actriz Déborah Vukušić. 

Este campionato consistirá nunha batalla entre catro dramaturgos para gañar o voto do público, que será o único xuíz. Tras a representación dos catro textos da man dun profesional e prestixiosos elenco, o público terá que votar o seu favorito. 

Nesta oitava edición atoparanse catro combatentes moi diversos: Gustavo del Río, director da compañía Os Náufragos teatro; Teresa González Costa, escritora; Cris Balboa, promotora da Compañía Funboa Escénica, e Borja Fernández, que está  a preparar a súa tese en dramaturxia pola Universidade Nacional das Artes de Bos Aires.

As tradicionais táboas do escenario

Aínda que os espectáculos da MITCFC están divididos en representacións ao aire libre e nun escenario convencional, son estes últimos os que permiten máis posibilidades creativas. Os asistentes poderán desfrutar do teatro nas rúas de Cangas desde esta mesma tarde até a sexta feira, 5 de xullo. Ás 20.30 horas, na Praza da Constitución terá lugar a representación de Latexo da man de Pistacastro. A obra presenta unha oda á amizade a través da relación de dous pallasos que buscan unha mellor saúde. 

As obras de teatro "Latexo", "Redes" e "Fráxil" encherán as rúas de cangas todas as tardes até 
a sexta feira.

De aprender da vida e seguir adiante tamén trata a obra que se representará na Praza do Costal ás 20.30 durante o 4 e o 5 de xullo. O seu título é Fráxil, da compañía de María Andrés (Valencia). Os espectáculos na rúa rematarán con Ruar, da compañía VACAburra. Trátase dunha nova interpretación da rúa e os espazos públicos, empregando só dous intérpretes en toda a obra. Será na Praza da Constitución ás 20.30 horas da sexta feira. 

Comedia para todos os gustos

As obras de teatro sobre un escenario convencional levaranse a cabo unicamente no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela. De quinta feira a domingo, toda a vila de Cangas poderá desfrutar de diversas representacións teatrais para todos os gustos.

A primeira delas é A idade do Cacifo e chega desde Vila Real (Portugal) ca compañía Peripecia Teatro. Escolleron a Mostra de Cangas para a súa estrea na Galiza, aínda que a obra existe desde o ano pasado. A compañía xa conta cunha longa experiencia en teatros internacionais, en países como Brasil, Arxentina ou Francia. Durante 70 minutos estaremos inmersas no mundo da adolescencia, xunto cos seus conflitos e dilemas. 

Las Ansiadas Producciones presentará a sexta feira Redes, unha comedia que combina movemento e audiovisual.  A súa achega teatral é unha nova e rompedora visión sobre como estamos conectados e conectadas entre nós. Trátase dunha viaxe introspectiva guiada por un ser dun mundo descoñecido que nos levará a preguntarnos se de verdade somos o que pensamos ou até que nivel estamos controlados por un sistema invisíbel.

Feísima enfermedad y muy triste muerte de la Reina Isabel I trasládanos nunha viaxe histórica aos derradeiros días da raíña, que non sabe quen lle tomará o relevo no trono. Esta traxicomedia sobre a brevidade da vida foi creada pola compañía La Calòrica, que vén desde Catalunya. O pequeno grupo de amigos que a forma encherá o Auditorio Municipal o sábado 6 de xullo ás 22 horas para presentar o seu teatro ambicioso e cargado de humor.

O ramo a este encontro teatral está nas mans da compañía Chula The Clown, que viaxou desde México para estrear na Galiza Perhaps, Perhaps...Quizás. A obra presenta a idea da espera do home “perfecto” e a soidade cando un mesmo é “imperfecto”. Unha crítica á presión social e temporal na que estamos envoltos e envoltas actualmente. 

Esta última representación teatral será o domingo, 7 de xullo, ás 21 horas. A súa directora, Gabriela Muñoz, conta co Premio á Mellor Actuación e Mellor Espectáculo no Festival Fringe de Nova Zelanda e xa colaborou con artistas de gran nivel como Natalia Lafourcade.

Unha vez máis, unha edición inesquecíbel

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas posúe tamén diversos espazos alternativos. Un deles celebrarase este sábado no Auditorio Municipal a partir das 20 horas. Leva o nome de Canchal 11 e será a súa estrea absoluta. Trátase dun espazo cambiante no que intervirán a compañía Ensalle xunto con Juan Navarro e Terrorismo de autor. Cada escena é unha peza distinta en si mesma, aínda que posúen o mesmo texto. 

Cargada de humor, drama e unha barullada de sentimentos, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas volverá demostrar un ano máis o que supón a súa innovación na Galiza. Unha mostra única, capaz de levar o teatro a todos os públicos e, aínda máis, a todos os gustos posíbeis.

Comentarios