CRÍTICA DE CINEMA

Down by Law, por Andrés Castro

O picadiscos Zack (Tom Waits), o proxeneta Jack (John Lurie) e o turista italiano Roberto (Roberto Benigni) son encarcerados xuntos nunha cela. Tras un tempo de convivencia chea de retesías fanse grandes amigos e conseguen escapar a través dos pantanos de Louisiana.

 

Down-By-Law-1

A tempada estival adoita vir acompañada dunha chea de reposicións. Este verán temos a reestrea de Matrix, co gallo do 20 aniversario; tamén poderemos ver A viaxe de Chihiro ou Cantando baixo a choiva (dentro do programa que ofrece os Multicines Norte); a interesante escolma do “Cinenterraza” (do Forum Metropolitano da Coruña); ou o cinema de verán ao aire libre de moitas cidades e vilas galegas; e, por suposto, sempre nos quedará a oferta dos Cineclubes de Galiza, que pasan ciclos cinéfilos durante todo o ano.

Calquera opción é igual de boa pero, teño que recoñecer que me encanta a escolma proposta polos Numax Compostela dentro do programa do Nocturama’19 que, este ano, leva o título de: “Jim Jarmusch baixo a influencia”. Unha programación dedicada a un dos maiores expoñentes do cinema independente norteamericano que ademais coincide en carteleira coa súa última e divertida achega: Os mortos non morren. Trátase dunha retrospectiva, xa comezada en xuño, que inclúe as seis primeiras longametraxes de Jarmusch xunto outras que inspiraron a súa obra.

A seguinte que toca no calendario é Down by Law, terceira longa de Jarmusch e terceira vez consecutiva que conta co multidisciplinar John Lurie: actor, pintor, músico, director e produtor. Desta volta acompañado polo gran Tom Waits e por Roberto Benigni, moito antes de ser famoso por A vida é bela. Jarmusch, que tamén firma o guión, xunta aos tres artistas nunha historia que transcorre no cárcere pero que, como non pode ser doutra forma, ten pouco que ver co subxénero e moito coas relacións interpersoais do ecléctico trío Lurie/Waits/Benigni. De feito, o título orixinal vén designar, en xerga, unha conexión especial que se crea entre as persoas. Unha historia “en aparencia” sinxela, pero que cala fondo, sobre como os camiños poden confluír (ou diverxer) en calquera momento das nosas vidas.

Divídese en tres partes. Primeiro céntrase nas tribulacións de Zack (Waits) e Jack (Lurie), dous inadaptados antagónicos que acaban na cadea. O seus enormes egos chocan violentamente entre as catro paredes da cela facéndose a vida imposible. Na segunda parte entra en escena Roberto (Benigni), un turista italiano acusado de asasinato que apenas sabe falar inglés. A imperiosa necesidade por poder expresarse cos seus compañeiros de cubículo provoca que se converta nun improvisado intermediario e pacificador de ánimos. Pronto se crea unha férrea amizade entre os tres reclusos. Na última parte foxen entre os pantanos nunha marabillosa desenlace, ao “estilo Benigni”, na que tamén aparece Nicoletta Braschi, musa e parella do director, actor e guionista italiano.

O pausado traballo de cámara, e unha linguaxe fílmica superdotada con cadencia de planos xenerosos en tempo, provoca que os tres actores poidan actuar e moverse con liberdade invitando a que sexa o público quen interprete os diferentes matices e motivacións dos personaxes. De novo Jarmusch tratando ao espectador coma se fose un ser intelixente. Que ousadía!... Xunto a excelente dirección de actores, destacar tamén a soberbia fotografía en branco e negro de Robby Müller, particularmente sobresaínte na maneira de captar a modular e salvaxe natureza dos pantanos de Nova Orleáns e Louisiana.

Inesquecíbel e imprescindíbel xoia do cinema que se poderá ver en todo o seu esplendor en dous únicos pases: o 10 e o 24 de xullo.

Baixo o peso da lei (Down by Law)

Down by Law

(EUA 1986, 107 min.)  

Dirección e guión: Jim Jarmusch

Fotografía: Robby Müller

Música: John Lurie, Tom Waits

Elenco: Tom Waits, Roberto Benigni, John Lurie, Nicoletta Braschi, Ellen Barkin, Billie Neal

Comentarios