Dous premios en catro días para a poesía de Eva Veiga

Tan só tres días despois de recibir o premio de poesía da AELG por A distancia do tambor, a escritora Eva Veiga gaña o certame “Concello de Carral” cunha nova obra titulada Soño e vértice. 

 

veiga
photo_camera veiga

Con Soño e vértice a xornalista e escritora Eva Veiga faise co certame de poesía “Concello de Carral”. Recibe Veiga a noticia do novo premio tan só tres días despois de ter recollido en Lugo o premio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) na modalidade de poesía polo seu libro A distancia do tambor, considerado polas autoras e autores da entidade o mellor do pasado ano no xénero. 

Desta volta, o xurado do “Concello de Carral” valorou a obra de Eva Veiga pola “intensidade simbólica da súa proposta poética, unida ao cultivo extremo dunha lírica que mantén en todo momento unha tensión entre o real e o onírico”. 

Progama das Letras 

Fuxidios (1992), Paisaxes do baleiro (1999), A pedra insomne (2002), A luz e as súas cicatrices (2006), Desconcerto (2006), Poemas do Eume (2009), A frecha azul do teixo (2010), Nesta hora imposible (2012) e A distancia do tambor (2014 – Premio Fiz Vergara Vilariño) compoñen o groso da obra poética de Eva Veiga, recoñecida agora por un xurado formado por Oriana Méndez, Miguel Anxo Fernán Vello e Nacho Alonso, coa Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez como presidenta e o técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez como secretario. 

A escritora recibirá o premio o vindeiro 29 de maio, nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura de Carral e que forma parte da programación do concello para as Letras Galegas, nun acto no se presentará o libro gañador da anterior edición, O que precede a caída é branco de Oriana Méndez.

Comentarios