A partir desta cuarta na Coruña

Dous filmes emblemáticos de Godard e un inédito, no CGAI

É un dos cineastas fundamentais da contemporaneidade. Enormemente influente e, ao tempo, radical e voluntariamente marxinal, o francés Jean-Luc Godard (París, 1930) leva axitando as pantallas desde que en 1959 dirixiu À bout de souffle. A filmoteca galega dedícalle agora un pequeno ciclo a propósito do filme inédito Grandeza e decadencia dun pequeno comercio de cinema.
 

Jean-luc-godard-mao-655
photo_camera Jean-Luc Godard durante os seus chamados "anos Mao".

A partir da tarde desta cuarta feira, 7 de febreiro, o Centro Galego das Artes da Imaxe, con sede na Coruña, ofrece, canda o inédito de 1986, dous clásicos da fimografía de Godard. Pierrot o tolo (1965), con Jean Paul Belmondo e Anna Karina, poderá verse esta tarde ás seis e ás oito e media. A sexta feira ás seis da tarde proxectarase O desprezo (1963), con Brigitte Bardot e Jack Palance a partir dunha novela do italiano Alberto Moravia.

Pierrot o tolo e O desprezo son dous dos traballos máis salientábeis da frondosa, polémica, vizosa obra do mítico autor nos anos 60. A narratividade convencional aínda as atravesa, pero continuamente sabotada por unha montaxe rupturista e frenética. Acompañarán no programa do CGAI a proxección de Grandeza e miseria dun pequeno comercio de cinema (1986) a sexta feira, 9 de febreiro, ás oito e media do serán.

Godard preparara a fita inédita para televisión a partir dunha novela negra de James Hadly Chase. Mais defradou todas as expectativas de quen lla encargara e ficou nun caixón. Filme que se dispara en múltiples direccións, libre, experimental e crítico co propio medio televisivo, Grandeza e decadencia... chegou aos cinemas 31 anos despois da súa realización.

Comentarios