Zeltia Outeiriño e Helena Santín traballan nas súas operas primas

Dous filmes en curso dirixidos por mulleres falarán sobre o retorno á terra

Hoxe comeza Novos Cinemas, cuxa quinta edición terá lugar entre o Teatro Principal e o Museo Provincial de Pontevedra até o domingo, ademais de complementarse online na plataforma Filmin. Mais non imos debullar aquí o seu programa, senón unha face menos visíbel que materializa tanto como este o seu compromiso coa creación novel. Trátase dun LAB no que participan cinco proxectos en diferentes estadios de desenvolvemento, dous deles de directoras galegas: 'Patarinos', de Zeltia Outeiriño e 'Vin a noite que nunca se acaba', de Helena Santín.
Á esquerda, Zeltia Outeiriño e á dereita Helena Santín. (Foto: Daniela Pafundi / Marieta Petchanska)
photo_camera Á esquerda, Zeltia Outeiriño e á dereita Helena Santín. (Foto: Daniela Pafundi / Marieta Petchanska)

Arrinca hoxe o festival Novos Cinemas en Pontevedra, que se prolongará ao longo de toda a semana. Na súa aposta nas novas creadoras, o evento promove un LAB co gallo de xerar un área de análise, estudo e asesoramento pormenorizado dos proxectos seleccionados de realizadores e realizadoras noveis.

Con isto promóvese o encontro entre cineastas e axentes cualificados e especialmente sensíbeis a filmes de natureza independente. A finalidade é que as obras poidan adaptarse, co maior grao de operatividade e funcionalidade, a uns mercados en constante mutación.

Dentro dos proxectos escollidos nesta edición do LAB atópanse dúas futuras longametraxes galegas dirixidas por dúas mulleres: Patarinos, de Zeltia Outeiriño, e Vin a noite que nunca se acaba, de Helena Santín. A estas súmanse A cara do sol (Francia, España, México, Marrocos), de Cristóbal Álvarez; O mal do século (Arxentina), de Nicolás Suárez; e Unha canción que mata (Italia, Kenia), de Mo Scarpelli.

Dous relatos de desarraigo

Santín propón unha longametraxe de ficción protagonizada por Rosa, quen tras a morte do irmán viaxa á súa Galiza natal para facerse cargo da casa e das vacas de quen era o último habitante da aldea, deixando atrás unha cidade á que sente que non pertence. Con isto a cineasta achégase a temas como "os recordos e a memoria individual e colectiva", no marco dun país baleirado e nun territorio que se move entre o mítico e o fantástico.

Aínda que Santín naceu en Barcelona, a familia materna é de Lobios e ela adoitaba pasar os veráns alí. A medida que foi medrando decatouse de como esa sorte de aldeas estaban morrendo e quixo visibilizar esta situación. "Non hai medios para que a xente moza poida quedar e traballar alí", comenta. A súa avoa inspira este filme, que pretende ademais homenaxear a veciñanza da zona.

Outeiriño participa cun documental que a leva a colocarse ela mesma como obxecto fílmico: para vencer o desencanto vital que sofre, Zeltia regresa á terra e rebusca na memoria do seu tío Antonio Outeiriño, un artesán téxtil galeguista e homesexual que viviu intensamente nos anos 80 en Ourense.

A historia, que naceu no marco do posgrao de Documental Creativo da Universidade Pompeu Fabra (Barcelona), agroma case como "unha necesidade" fronte a unha situación de crise e "desarraigo que me leva a mirar cara á Galiza e reelaborar as relacións coa cultura ou a familia", explica a cineasta.

Aquí xorde con forza a figura do seu tío, da que lembra con "especial intensidade" malia ser cativa como enchoupaba a toda a súa familia dese "entusiasmo creativo". Aínda que morreu sendo ela moi nova, converteríase nun referente ao tornar adulta. "Sempre tiven a idea de facerlle unha homenaxe fílmica", admite.

No proceso, Outeiriño foise colocando cada vez máis no centro, ao decatarse de que "o motor da viaxe era eu". A desenvolver a súa propia personaxe tamén a animaron as dúas produtoras do filme: Silvia Fuentes (Sétima, Galiza) e Mireia Grael (Ringo Media, Catalunya).

Mulleres directoras, aínda unha anomalía

Chama a atención que os dous proxectos seleccionados sexan xustamente de mulleres, cando como aínda lembraba a semana pasada Nós Diario, a raíz das xornadas "Fóra de Plano. Mulleres no cinema", a porcentaxe de filmes dirixidos por elas é crítica e varía por xéneros: 24% en documentais, 16% en ficción e un tráxico 0% en animación. Outeiriño considera que é "máis difícil reafirmarse e sacar a túa voz", así como "superar todas as trabas, inseguridades ou autocensuras".

Gostarías de seguir coa lectura? Vai polo Nós Diario á libraría ou quiosque máis próximo ou mércao na nosa tenda online. E prepárate para futuras informacións de interese tramitando a subscrición agora mesmo!

Comentarios