CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Dous días, unha noite

Sandra (Marion Cotillard) descobre que os seus compañeiros de traballo optaron por recibir unha suculenta paga extraordinaria, a cambio do seu despido. Sandra terá só un fin de semana para convencer aos colegas de que non o fagan e así poder conservar o seu traballo.

Dous días, unha noite
photo_camera Dous días, unha noite

Título orixinal: Deux jours, une nuit
Ano: 2014
Duración: 95 min.
Coprodución: Bélxica e Francia
Director: Jean-Pierre Dardenne e Luc Dardenne
Guión: Jean-Pierre Dardenne e Luc Dardenne
Fotografía: Alain Marcoen
Elenco: Marion Cotillard, Fabrizio Rongione, Catherine Salée, Christelle Cornill, Pili Groyne, Simon Caudry, Serge Koto, Batiste Sornin, Olivier Gourmet

CRÍTICA
As películas dos irmás Dardenne soen partir dunha pregunta. En Dous días, unha noite parten dunha premisa laboral: “qué pasaría se o teu posto de traballo dependese de se os teus compañeiros aceptan, ou non, unha prima económica?”. Este é o caso de Sandra, unha traballadora que se reincorpora ao posto de traballo tras unha baixa por depresión. De súpeto atópase con que o xefe acaba de ofrecer aos seus compañeiros un suculento bono de 1.000 euros a cambio de prescindir dela. Con marido, dous fillos e unha casa que manter, Sandra terá tan só unha fin de semana (os dous días e unha noite do título) para tratar de convencer aos seus compañeiros de traballo de que non acepten a proposta da patronal e así poder conservar o seu posto de traballo.

"Unha moi real e dura historia arredor da crise e precariedade laboral que asola practicamente por igual a toda Europa". 

O rol da sufrida e combativa nai está interpretado pola francesa Marion Cotillard, gañadora do Óscar por La vie en rose. É a primeira vez que os irmáns Dardenne contan cunha cara coñecida, ou mellor dito estrela, para unha das súa películas. Ao mesmo tempo, tamén por primeira vez, quedan sen premio en Cannes. Festival no que, ate a data, sempre que presentaron película saíron con premio baixo o brazo (Rosetta, O fillo, O neno, O silencio de Lorna), xa fora con Palma de Ouro, Guión ou premio a mellor actor/actriz. Neste caso fóronse de baleiro, porén Marion Cotillard obtivo unha mención especial da crítica. 

Apesar da súa faciana coñecida, Cotillard constrúe unha personaxe totalmente anónima que ben podería ser calquera de nos. Pura sensibilidade... Implicouse no proxecto de tal maneira que a pesar dos longos planos secuencia aos que nos teñen acostumados os Dardenne (de ate sete minutos sen cambiar de plano) empeñouse en repetir as tomas ate que quedaran o máis perfectas posibles. Coméntase que incluso repetiu toma máis de 80 veces. Pero o filme non descansa só na camaleónica e implicada interpretación de Cotillard, senón nunha firme dirección claramente identificable coa que aos irmáns Dardenne tiveron tanto éxito ate o de agora. Manteñen o seu estilo próximo ao Dogma, movemento ideado por Lars Von Trier e Thomas Vintenberg, mantendo a sempiterna cámara ao ombreiro, os mencionados longos planos secuencia prescindindo de artificios e con ausencia (case) absoluta de banda sonora, salvo algún corte na radio no que podemos escoitar, por exemplo, o Gloria de Van Morrison. Iso si, afástanse un pouco máis desa proximidade obsesiva da cámara sobre as facianas das personaxes con respecto a filmes precedentes. Encadres medidos e meticulosamente estudados para captar as emocións das personaxes saídos da cámara do seu fotógrafo habitual Alain Marcoen. Os siareiros da filmografía dos Dardenne saberán do que falo… Tamén volven contar co seu actor fetiche Fabricio Rongione, que nesta encarna o rol do paciente esposo que trata que a súa muller non desista no seu cometido de soa ante o perigo ante 16 homes, e mulleres, sen piedade.

"Precisión, intelixencia, perfección técnica e art

ística nunha das mellores películas do ano e do melloriño en cinema social das últimas décadas".

Dous días, unha noite foi seleccionada para representar a Bélxica na categoría de Mellor Película Estranxeira. Unha moi real e dura historia arredor da crise e precariedade laboral que asola practicamente por igual a toda Europa. Película directa, sinxela e sen voltas de máis. Carece de adoutrinamentos nin sentimentalismos. Cada personaxe ten a súa vida, as súas prioridades e os seus problemas. Tanto a protagonista coma o resto dos compañeiros de traballo terán que enfrontarse a unha cruel chantaxe laboral na que ela é a damnificada, pero tamén hai efectos colaterais. Amor, empatía, solidariedade, dúbidas, esperanza, desesperación, compañeirismo... nun sinxelo, que non simple, drama laboral que é toda unha lección maxistral de cinema que mira de fronte a un problema moi presente e, de paso, fai unha análise do comportamento humano. Non é posible non conectar coas diferentes realidades que se propoñen. Precisión, intelixencia, perfección técnica e artística nunha das mellores películas do ano e do melloriño en cinema social das últimas décadas.

Comentarios