Os dous candidatos galegos paralizan o nomeamento do director do CGAC

Tan só uns días despois de que unha comisión nomeara ao madrileño Santiago B. Olmo como novo director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) as alegacións dos dous candidatos galegos obriga a paralizar o proceso. 

cgac
photo_camera cgac

Os dous candidatos galegos que concorrían á convocatoria para cubrir o posto de director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Juan de Nieves e Manuel Segade veñen de paralizar o proceso de elección ao presentar alegacións contra a decisión tomada pola comisión de seleccionar ao madrileño Santiago B. Olmo. 

A presentación das alegacións por parte dos únicos candidatos galegos supón, na práctica, a paralización do proceso, que saíu xa con retraso con respecto ao anuncio feito polo anterior director Miguel von-Haffe de non continuar no cargo. A paralización pode ter como consecuencia deixar ao CGAC sen programación xa que as previsións de von-Haffe chegaban só até o mes de xullo. 

Sen experiencia na dirección

A resolución do proceso deu un xiro na entrevista persoal, cando o gañador da convocatoria superou por décimas aos outros candidatos, que tiñan ventaxa tanto na traxectoria persoal como no proxecto presentado. Os candidatos galegos alegan “irregularidades” non só na propia entrevista senón no proceso do baremo previo que, segundo fontes próximas ao proceso, “encumbraron a Olmo cando, en realidade, nunca desenvolveu labores de dirección, algo expresamente sinalado como preceptivo nas bases do concurso”.

Santiago Olmo García (Madrid, 1958) resultara vencedor do proceso selectivo cun axustado 76,90 sobre os 76, 78 do seu competidor, Manuel Segade e un 71,00 do outro candidato galego Juan de Nieves, único que contaba con experiencia como dirección do centro de arte. Manuel Segade é, pola súa parte, un dos máis recoñecidos comisarios a nivel internacional con ampla experiencia en centros e feiras de arte, contaba tamén con amplos coñecementos sobre o CGAC no que traballou durante case catro anos. A balanza inclinouse do lado de Santiago Olmo na entrevista persoal e desde a Xunta anunciaban, canda o nome do gañador, a vontade de que fora nomeado xa mesmo nesta semana. 

O certame da Deputación de Pontevedra

Da traxectoria de Olmo destacan “trinta anos de experiencia no sector artístico” e, como datos concretos, dúas citas da que foi comisario, a XXXI Bienal de Pontevedra de 2010 -da deputación- e a XVIII Bienal de Arte Palz de Guatemala en 2012. O xurado que optou polo seu nome para ocupar o posto que a finais do pasado ano deixou vacante von-Haffe estivo presidido por Antón Pulido, primeiro director do CGAC e composto por  María José Fuentes, José Manuel García Iglesias, Antón Castro, María de Corral e Estrella de Diego.

A polémica xorde nun momento no que o CGAC pasa unha das súas etapas máis baixas da súa historia, cunha considerábel merma de orzamentos e pola vontade do goberno de Feióo de primar, tamén no ámbito expositivo, á Cidade da Cultura.

Na rede pódese ver un video no que Santiago Olmo explica unha colección privada do Museo da Universidade de Navarra: 

Comentarios