Dornas, xeiteiras, galeóns, bateis ou curraghs... o rumbo é Combarro

A parroquia de Poio acolle a finais de xuño a XIII edición do Encontro de embarcacións tradicionais, un evento que cada dous anos reúne en diferentes portos de Galiza barcos e tripulacións de diversos puntos de Europa.

embarcacións tradicionais

Cada dous anos o mundo do mar europeo ten unha cita en Galiza e ben que o saben. Unha data que non se esquecen de anotar no calendario. Desta volta, o lugar é Combarro (Poio), do 29 de xuño ao 2 de xullo. O encontro de embarcacións tradicionais de Galiza volverá reunir ducias de barcos, centos de tripulantes e miles de visitantes para se mergullar en todo o relativo á cultura marítima. O lema desta XIII edición, ‘O mar lugar de encontro’.

Combarro toma así o relevo de Cabo de Cruz, vila que celebrou o encontro en 2015  que sumou o seu nome así a unha longa lista de portos onde estas xornadas tiveron acobillo: de Rianxo a Ferrol, da Illa de Arousa a Muros, pasando polo Freixo ou Carril-Vilaxoán, entre outros.

Embarcacións e tripulantes de Galiza, Portugal, Euskal Herria, Catalunya, Andalucía... mais tamén de Irlanda, Bretaña, Escocia, Normandía... teñen acudido nestes anos aos encontros, unha oportunidade única para partillar experiencias e convivio. Cada edición, ademais, supón atraer milleiros de visitantes, que se desprazan até o porto onde teñen lugar para gozar das embarcacións tradicionais ou dos programas con diferentes actividades. Quen organiza estes encontros é a Federación galega pola cultura marítima e fluvial, en colaboración con outras entidades (neste caso, o Clube Mariño A Reiboa e o Concello de Poio) e con institucións.

Ao longo dos días nos que ten lugar o encontro decorrerán diferentes actividades e propostas, desde xornadas e obradoiros até actuacións musicais, actividades de navegación, programa infantil, diferentes eventos artísticos e gastronómicos... 

Comentarios