Dornas de Arousa remontan Ulla e Sar para render homenaxe a Rosalía

Unha ducia de embarcacións volveron recuperar o roteiro tradicional da man da iniciativa 'Que inchadiña branca vela', organizada pola ACD Dorna e a Fundación Rosalía de Castro.

dornas rosalía
photo_camera Imaxe: Fundación Rosalía

Houbo un tempo, non moi lonxano, no que os ríos galegos eran frecuentemente navegados por embarcacións de todo tipo de fasquías e cometidos. Esta fin de semana o Ulla e o Sar volveron ser navegados por dornas, unha ducia de embarcacións procedentes de diferentes portos arousáns que protagonizaron a remontada até o Espolón de Padrón para render unha homenaxe a Rosalía de Castro.

É o cuarto ano que decorre 'Que inchadiña branca vela', a iniciativa organizada pola ACD Dorna e a Fundación Rosalía de Castro. Partindo da praia de Vilarello, en Valga, para navegar augas arousáns e emproar o Ulla, remontado até que conecta co Sar, para navegar entón por el até Padrón. A vela e a remo, cando a calma podre manda, para facer unha singradura que finaliza ao pé do Espolón e con benvida a cargo de gaiteiros e veciños.

Dornas como a Pancha, a Mimela ou, como non, a Rosalía protagonizaron a remontada. Como broche, alza de de remos perante o momumento a Rosalía de Castro e Himno Galego.

Comentarios