'Dorna', campo de probas da poesía

A veterana publicación atinxe o seu número 42
dorna 42
photo_camera A cuberta do número 42 da revista 'Dorna. Expresión poética galega'. Foto: cedida.

"Quen / aquela / á que lle caen os reloxos / todos os reloxos como un Iguazú / e os pulsos e o corazón se lle alumean / como se alumea o tempo / e arden as sombras", escribe Chus Pato nun dos dous poemas inéditos incluídos no último número da revista Dorna, subtitulada Expresión poética galega. Os textos de Pato pertence ao libro "en curso" Sonora, conforman unha das 25 achegas inéditas á sección de Creación da publicación coeditada pola Universidade de Compostela e a Consellaría de Cultura.

A nómina de Dorna 42 combina, como é habitual, poetas sen estrear en libro e voces consagradas. Oriana Méndez, Marta Dacosta, Celia Parra, Estíbaliz Espinosa, Rosalía Fernández Rial, Lorena Souto, Xesús Constenla, Tamara Andrés ou Rexina Vega conviven con Ana Abad, Belén Senín, Benjamín Vidal, Serxio Abalo, Mario Pardo, Brais Lamela ou Sara Villar Aira. Fotografías de Alexandra R. Rey, do proxecto 12-25/71-84, puntúan o exemplar.

Neste campo de probas poético, de periodicidade anual, existe ademais un territorio para a tradución. Voces de fóra, así se titula o apartado, acolle nesta ocasión versións galegas da poeta eslovena Kristina Kocan. "ás veces pola noite escoitamos / trens que invaden o noso / dormitorio un son que é nidio / no verán cando durmimos coa fiestra aberta / a miúdo son lentos", di Kocan en trens segundo a pon en galego Isaac Xubín. A eslovena ten 39 anos e a súa obra destaca entre a poesía recente do seu país.

Dorna. Expresión poética galega naceu en 1981 da man da asociación cultural Dorna da Illa de Arousa. Ao ano seguinte pasou á Cátedra de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade diríxea o catedrático de Lingüística Ramón Lorenzo e o seu comité de redacción fórmano as poetas Alba Cid e Ismael Ramos.

Comentarios