Dores Tembrás, “A miña poesía leva a terra tatuada”

Con Cronoloxía da Urxencia a poeta Dores Tembrás gañou o Premio de Poesía do Concello de Carral. Un poemario na que a autora procura o desexo en multitude de voces femininas, nun encontro coa terra, o traballo e a casa da aldea. Autora de O pouso do fume (2009), Dores Tembrás afonda nunha liña que ten como trabes a terra, o silencio e o desexo. 

Dores Tembrás
photo_camera Dores Tembrás

-Por que  Cronoloxía da Urxencia?

Interesábame traballar o concepto do desexo,  non como obxectivo senón determe no propio proceso e dentro del no que entendo como dous tempos, por unha banda a contención e pola outra a inminencia. Tentei escribir eses dous tempos do desexo a través dunha cronoloxía con tensións e distensións, co silencio como protagonista . Un desexo no que fala a muller, no que a figura da muller é fundamental. 

-Muller como voz poética ou tamén como referente?

Como voz poética mais no poemario aparecen tamén moitas mulleres diferentes, todas experimentan o desexo nestes termos. Para min era importante enfocar non só do desexo desde o punto de vista filosófico ou profundo senón tamén´n que se concretase en voces feminina, que coñecín e que me contaron. O desexo da palabra, do poema, de atopar o alento, o que determina o achádego do poema. 

-O xurado definiu a súa proposta como poética con raíces, responde a súa vontade creativa?

Paréceme acaído. As mulleres das que falaba son as que preceden. Bebe nese sentido do meu anterior poemario, segue na liña de O pouso do fume. A terra segue a estar moi presente e a muller asociada á terra. Nese sentido é un poemario que emprega imaxes que tiran dunha xenealoxía que para min foi moi estimulante á hora de concibir e escribir o poemario. 

-Tamén se sinala a referencia aos traballos do campo e a casa labrega, que evoca outras propostas como o magnífico Cráter de Olga Novo.É ese un reencontro poético coa orixe?

Non é preciso ir a buscalo, está, de certo, na miña orixe. Crieime na terra e eses son os meus referentes fundamentais, como no caso de Olga Novo. Aparecen xa no meu primeiro poemario aínda que ao mellor neste está máis depurado. A ligazón á terra é inevitábel, a sega da herba, poño por caso, está presente. Podes enmarcar certos poemas en escenas mínimas, cotiás, relacionadas coa terra, que é unha parte fundamental do poemario. 

-Conxuga entón vivencias e xenealoxía, é dicir, experiencia persoal e recuperación das mulleres que a precederon?

Crieime na terra e os referentes son naturais, próximos. Nalgúns casos si que hai unha parte de recolección da xenealoxía pero outra son vivencias directas. Como no caso de Olga que tamén vive a terra e o eros, nesa combinación dun equilibrio total. Cada poeta bebe dos seus referentes e eu estou marcada por completo pola terra. No primeiro libro había unha intención de recuperar certas cousas que sentía que podían extinguirse e había premura por non esquecer. Agora están aí porque aparecen así na miña vida, non son algo artificial, non falo de arqueoloxía, é algo que experimentei. O meu imaxinario poético non ten unha tendencia urbana porque eu cheguei máis tarde á cidade e viña tatuada da terra. Olalla Cociña, da que me sinto próxima, tamén tira da terra. 

-Desde 2009 no que publica O pouso do fume  (Espiral Maior), alén de O Peizoque Roque (Galaxia) para público infantil, non volve publicar. O mundo editorial está pechado para a poesía?

Neste caso din por fechado o poemario hai relativamente pouco. Paso moito tempo cos poemarios, pero si que é certo que a situación é terríbel. As circunstancias son tremendas e ao pulsar a opinión outros poetas de que para publicar parece que pedimos esmola. As editoriais pasan por momentos difíciles e compre buscar novas vías. A autoedicións será un camiño que cada vez cobrará máis forza e tamén pequenas editoriais con proxectos arriscados. Mais son optimista porque creo profundamente na calidade da poesía galega. 

-Ten blog e páxina web, é a maneira de se achegar ao público lector?

Unha das maneiras é a edición dixital, a xente que publica directamente. Estamos a vivir un cambio de formato.  Nese sentido síntome unha muller do meu tempo e gosto de estar en contacto coa xente que se interesa do que fago e recibir o seu feedback. 

-Vostede realizou unha tese sobre a poeta Alejandra Pizarnik, unha muller fascinante e unha poeta reveladora Queda pegada na súa obra? 

Alejandra é, de certo, un personaxe fascinante mais eu o escollo pola calidade da súa obra. Non me interesaba unha tese na que a obra é un exemplo da vida. A obra tiña un valor intrínseco, potentísimo. Caín rendida ante o personaxe, interesante, intensa e conmovedora pero pola calidade da súa obra e porque traballa o silencio como poucas autoras o fai. Deixa en min unha pegada profunda. Levou ao extremo a capacidade da linguaxe. Esgotouna até esgotarse ela. É un referente fundamental na miña obra e na miña procura poética. Botei case oito anos dedicada á tese e como poética é a que máis me marcou, alén doutros referentes. 

-Cales son esas outras marcas da súa literatura?

Neste poemario unha presenza forte é a de Eva Veiga, unha poeta extraordinaria, que acaba de gañar o Fiz Vergara. Pero hai tamén outros nomes como Gonzalo Hermo, Lorenzo Baleirón, Olga Novo ou Chus Pato e tantas outras como Yolanda Castaño e Enma Couceiro... 

-Maiormente literatura de mulleres?

É inevitábel no meu camiño. É unha cuestión de necesidade para  min. É importante visibilizar o traballo poético das mulleres. 

-Tamén publicou o Peizoque Roque, para crianzas, como é esa experiencia?

Teño dous pequenos e nun momento determinado Francisco Castro convidoume  púxenme e escribín durante un ano. Saíu O Peizoque Roque, que para min é unha delicia porque atopo un público moi agradecido. Teño a fortuna de que me chamen de moitos centros nos que é unha marabilla ver como traballan a miña obra. Para os nenos a poesía é o estado natural, e pregúntome constantemente en que momento iso se trunca. É marabilloso traballar xogando con esa condición.

Comentarios