XXI Mostra de Música Tradicional Galega

Domingo das Mozas a ritmo de pandeireta

O vindeiro 6 de outubro Lugo celebrará o día grande do San Froilán a ritmo de muiñeira. A música tradicional inundará as rúas da cidade o domingo das mozas coa XXI Mostra de Música Tradicional, dentro da programación das festas patronais.
lagharteiras
photo_camera As Lagharteiras, un dos grupos que fai parte da Mostra.

Este 6 de outubro, Domingo das Mozas, a XXI Mostra de Música Tradicional Galega tomará Lugo. O encontro, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) co patrocinio do Concello de Lugo, contará coas actuacións de 17 grupos de toda a Galiza, que encherán o casco vello da cidade no día máis emblemático das festas do San Froilán. O evento, nado co gallo de promover a música tradicional como protagonista da festa na rúa, constitúe a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais, segundo destaca AGG.

Na presente edición participarán A Gaita de Sarandón (Vedra), A Requinta de Xián (Boqueixón), Boudebou Gaiteiros (Comarca do Salnés), Cántigas e Frores (Lugo), Faiscas de Solobeira (Cambados), Gómes Mouro (Ourense), Lagharteiras (Vigo), Os Estrobos (Ferrol), Os Monifates (Comarca da Barbanza), A Volta do Agro (Lugo), Pandeireteiras de Amigos da Gaita (Ribadeo), Pandeireteiras de Ultreia (Santiago), Pandeireteiras Ergutío (Baños de Molgas), Par de par (Ourense), Río de Anxo (Rianxo), Tumba e dalle (Barreiros) e Lagharteiras (Vigo).

Pola mañá os grupos sairán dende a Porta do Campo Castelo ás 11.30 horas facendo un percorrido polo centro urbano amurallado. Pola tarde continuará o pasarrúas a partir das 17.30 horas. A seguir, a algueirada trasladarase á Praza de Santa María, onde se desenvolverá unha nova edición do Festival de música tradicional cos concertos de Maraghotas e Lagharteiras desde as 18.30 horas.

Comentarios