Dodro propón a Lorenzo Baleirón para o Día das Letras

Volve á actualidade a candidatura de Lorenzo Baleirón ao Día das Letras Galegas, esta vez a proposta do Concello de Dodro que aprobou unha moción por unanimidade que lle trasladará á Real Academia. 

eusebiolorenzo
photo_camera Eusebio Lorenzo Baleirón

Foi o pasado 4 de maio, cando o concello celebrou un pleno extraordinario para tratar esta moción, que foi aprobada polos catro grupos do consistorio: o PP (no poder), o PSOE, BNG e Unidade Veciñal de Dodro, quen fixo a proposta. Agora enviarán a moción á Real Academia Galega para que sexa estudada. "É a RAG quen ten que propoñelo oficialmente, nós só facemos un chamamento para que o teñan en consideración", explica Fabián Xaneiro, voceiro de UVD.

Este non é o primeiro intento de facer valer a súa obra diante da Academia. En 2012 a AELG organizou unha homenaxe por mor do seu 50 aniversario no que tamén reclamou a atención da rúa Tabernas. "O gran problema é que morreu moi novo e non tivo tempo desgrazadamente a ter unha extensa traxectoria, pero gañou varios premios, publicou varios libros e mesmo foi traducido, así que consideramos que pode ter méritos abondo para ser tido en conta", defende Xaneiro. 

Efectivamente, Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1962-1986) morreu con tan só 24 anos, pero deixou publicados poemarios salientados pola crítica como 'Os días olvidados' (Algalia) e 'O corpo e as sombras' (Caixa Ourense), ambos os dous en 1985. E en prosa publicaría ao ano seguinte 'Libro das viaxes e dos soños' (Vía Láctea). Postumamente publicouse 'A morte presentida' (Sotelo Blanco, 1988), alén da súa obra completa aos dez anos da súa morte en Espiral Maior, que levou por título 'Gramática do silencio', que tamén sería traducido ao español por Rinoceronte en 2007. En 2000 Espiral Maior publicaría de novo unha selección da súa obra en edición bilingüe. 

Ademais, foi finalista e gañador de varios premios, como o do Facho en 1983 ou o Celso Emilio Ferreiro dese ano. O Concello de Dodro creou un premio de poesía que leva o seu nome, así como o público do municipio. 

Comentarios