Estréase o 18 de novembro en Cineuropa

O documentario sobre o accidente de Angrois, mención especial na Seminci

A fita sobre o accidente do Alvia en Angrois vén de recibir unha mención especial na 60ª edición da Seminci de Valladolid, onde se estreou espertando un gran suceso entre o público. O documentario estrearase o 18 de novembro en Cineuropa.

Frankestein-04155. Fotograma
photo_camera Frankestein-04155. Fotograma.

“Demoledor” e “descomunal” foron algúns dos cualificativos que recibiu Frankenstein-04155, o documentario dirixido polo ourensán Aitor Rei e producido por Boneca Lareta sobre o accidente do Alvia en Angrois. A película, producida en colaboración coa Plataforma de Vítimas Alvia 04155 e co financiamento de achegas particulares, foi estreada na 60ª edición da Seminci de Valladolid, onde recibiu unha mención especial e onde espertou un gran suceso entre o público.

O documentario, que ve a luz logo dun longo proceso de investigación e documentación, estrearase en Cineuropa o vindeiro 18 de novembro. Desta maneira, o festival volve darlle voz ao accidente do Alvia tras a estrea na pasada edición de Angrois, no esquecemento, de Susana S. Recouso e Emilio Carral.

Frankenstein-04155 indaga nas múltiples variábeis que influíron no fatal sinistro e denuncia outras posíbeis neglixencias e o abandono político dos ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor. Tamén ofrece novos datos que serán utilizados polas vítimas en futuros recursos xudiciais, como o exceso de peso do tren.

Comentarios