Luz Fandiño en documental: onde agroman as verbas da resistencia cotiá

"Non me sentía unha faragulla de fariña para que me tivesen que amasar", proclama con calma desafiante Luz Fandiño. Ela é 'A poeta analfabeta' á que fai referencia, tomando prestado un dos seus propios versos, o documental que Cósmica Producións (Nati Juncal e Sonia Méndez) estreaba onte en Cineuropa (Compostela). Esta peza abre as portas do lar dunha icona da resistencia e do feminismo. Esa Luz sensíbel, valente, solidaria e 'punki', que goza partillando a súa experiencia coas xeracións máis novas. 
Luz Fandiño
photo_camera Luz Fandiño retratada escribindo nun fotograma de 'A poeta analfabeta'.

Hoxe estréase en Cineuropa (Compostela) unha peza moi agardada na cidade, A poeta analfabeta, un documental de Cósmica Producións arredor dunha figura tan emblemática como querida: Luz Fandiño.

As entradas esgotábanse axiña, entre a expectación e unhas prazas tan reducidas. Mañá, cun segundo pase, serán outras 30 as privilexiadas que poidan velo.

Descubrir unha icona

O filme arrinca con imaxes gravadas co móbil por Sonia Méndez, a directora, na presentación dun dos seus poemarios. Era a primeira vez que vía a Luz Fandiño.

A idea de facer un documental arredor dela foi de Nati Juncal, a outra metade de Cósmica. Ela, produtora, coñeceuna como "figura omnipresente" nos movemenros sociais de Compostela.Cósmica con Luz Fandiño

De esquerda a dereita, Lucía C. Pan, Luz Fandiño, Sonia Méndez e Nati Juncal.

Foi ao pouco de mudarse á capital, a través dunha amiga súa. "Marchara a vivir cos seus tíos e díxome: tes que coñecer a nosa veciña", conta.

"Luz é unha persoa que xera moita fascinación. Non coñecía ninguén do seu tempo así, de feito ela sempre di que non ten amigas da súa idade", asegura Juncal. E é que o espírito luminoso de Fandiño achégaa á mocidade.

Méndez tamén ficou alucinada: "É unha muller que irradia moitas cousas, unha persoa preto dos 90 con esa enerxía, esas ganas de loitar e de vivir, con tanto que comunicar".

Unha das cousas máis sorprendentes para a directora foi descubrir, de primeira man, que Fandiño estivera "en tantos momentos da historia, pero sempre como pobo", desde a emigración ás revoltas de maio ou o retorno á Galiza de Castelao. A súa é unha experiencia que resume unha xeración.

"É a persoa máis punki que coñezo", sentencia Sonia Méndez

"É a persoa máis punki que coñezo", sentencia a directora, en referencia, por exemplo, ao seu labor de autoedición. "A primeira vez que a quixeron publicar cambiáronlle unha palabra e nunca quixo saber máis...", conta Méndez.

Para Juncal era interesante que se achegase a Fandiño alguén que non a coñecese de nada, coa ollada limpa, para que entrase tamén en xogo no audiovisual ese proceso de descubrimento.Luz Fandiño

O da produtora foi máis un "recoñecemento": "Para min Luz segue sendo a que coñecín con 60 e pico anos, agora vina nesta faceta de vellez, na que di que comeza a ser feliz.

O doméstico universal

O documental artéllase principalmente nos espazos domésticos, coñecémola tamén polos obxectos que acumula quen nunca tivo nada.

"O espazo da súa casa é como unha especie de museo da súa vida", comenta Méndez. Alí habitan os recordos dunha muller que procuraron retratar desde unha óptica íntima e cotiá.

"Ti coñeces a Luz que vai ás manifestacións e se enfronta á policía, pero tamén hai unha Luz que tende a roupa", afirma Méndez

"Ti coñeces a Luz que vai ás manifestacións e se enfronta á policía, pero tamén hai unha Luz que tende a roupa", afirma, "esoutra parte universaliza tamén o retrato". Pois se a poeta centra o título do audiovisual, non é a única protagonista.

Con naturalidade sempre

Fandiño atavíase para saír na imaxe: unha medalla do Che ao carón doutra de Rosalía. Non ten reparo en ser filmada. Juncal tampouco tiña dúbida, xa a vira noutras producións. As únicas cámaras que lle dan medo son as dos que nos controlan, afirma.

Á naturalidade coa que se mostra na pantalla contribúe o traballo fóra de campo, nun equipo moi reducido que, ademais de por Méndez e Juncal, estaba formado pola directora de fotografía (Lucía C. Pan) e alguén de son. Mais moitas veces ficaba a propia directora soa con ela.

Así comparece a intimidade absoluta, os intres nos que a relaidade alumea o camiño. Esa Luz que coloca as flores, fascinada pola súa beleza. Méndez refire neste senso un traballo con esas "capas de verdade e do cotián".

A primeira é máis sinxela, pero as horas van retirando coirazas para chegar ao profundo, un proceso que nutre o filme en varias dimensións, aínda que moitos deses momentos deban ficar fóra.

Dunha banda está a propia historia de Fandiño, un documento vivo. Da outra, a directora que grava o documental e a descobre a través da cámara e a ollada.

A rodaxe comezaba o 25 de xullo do ano pasado. Logo do confinamento, en xullo, aínda gravaron algunhas cousas para cubrir ocos. E é que o tempo de encerro, a pausa, serviría para darlle moitas voltas ao filme, que tornou noutro.Luz Fandiño

Segundo relata Juncal, volveuse "menos formal". Entra así a directora no discurso e aparece a chispa máis prosaica. "Priorizamos a narrativa, mostrar a persoa, desbotamos a idea de que todos os planos tivesen que ser perfectos".

Vidal Bolaño, o biógrafo que non foi

Unha das fontes máis sorprendentes das que bebe o documental son as fitas que gravou en 1980 Roberto Vidal Bolaño, coa idea de facer unha biografía sobre Luz Fandiño, rescatadas grazas á axuda da súa compañeira, Belén Quintáns.

"Priorizamos a narrativa, mostrar a persoa", relata Nati Juncal

"Luz contaba que traía dúas e tivo que baixar a mercar seis máis", di Juncal. Foi para ela moi interesante escoitar estes documentos desde a distancia, pois aprécianse mudanzas nas cousas ás que a poeta outorga importancia, se cadra tamén porque as preguntas de Bolaño apuntaban noutra dirección, máis centradas na súa traxectoria vital.

"A medida que envelleces vas cambiando de perspectiva", reflexiona a produtora. O recordo da nai e da avoa dominan o relato, cos afectos no primeiro termo. "Miña nai era revolucionaria. Ela cantoume a internacional", explica no documental.

O pobo vencerá

"É unha muller que cre que o pobo vai vencer, non ten esa idea posmoderna de ‘non ides gañar pero loitade igual’. Ela segue aí, convencida de que vai pasar. Tamén viu avances", describe Méndez lembrando a emoción de Fandiño un 8 de marzo, ante o seguimento masivo dunha manifestación.

"Poderías facer 30 documentais diferentes con ela. Xa só co noso material daría para seis", di Juncal

Juncal, logo do seu empeño en facer este filme, aínda non pode valoralo con perspectiva, mais pensa que conseguiron, cando menos, "deixar un testemuño do legado de Luz. Poderías facer 30 documentais diferentes con ela. Xa só co noso material daría para seis". Porque Luz é moita Luz.

Comentarios