A mostra decorrerá do 6 ao 10 de abril en Compostela

O documental 'Negro púrpura' de Illa Bufarda inaugura a XVI MICE

A XVI Mostra Internacinoal de Cinema Etnográfico (MICE), que organiza o Museo do Pobo Galego en Compostela, inaugúrase o 6 de abril coa estrea de tres traballos documentais.
foto illa bufarda_negro purpura
photo_camera Iglesias e Villanueva, integrantes de Illa Bufarda. (Foto: Illa Bufarda)

O vindeiro 6 de abril volve a Compostela a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, e faino coa preestrea do documental Negro Púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, compoñentes da produtora Illa Bufarda.

O filme, que se proxectará no Teatro Principal e contará coa presenza das directoras, “retrata diferentes relatos a partir do Cláviceps purpúrea, un fungo que agroma nos cereais”, o que chaman o fungo dos mil nomes, pois tamén se coñece como  caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo... 

A historia do cláviceps relaciónase con multinacionais farmacéuticas, a CIA ou o nacemento do LSD... “e alimenta relatos que nos son propios e nos tocan de preto, como o seu uso na medicina popular”.

Negro púrpura, que conta coa curiosidade de ter a primeira banda sonora do Estado español composta por un dos primeiros instrumentos musicais electrónicos, o theremin, foi rodado entre 2018 e 2020.

A MICE, que decorrerá até o 10 de abril, tamén vai ser o escenario da estrea, fóra de competición, da curtametraxe Os corpos de Eloy Domínguez Serén. Un documental, producido por Fílmika Galaika, que vén de pasar por festivais internacionais como o IDFA de Amsterdam e o FIC Xixón.

A peza achéganos dun modo inmersivo aos festexos e ao ambiente do Entroido ourensán, “desde o alumado dos fachos, ás aglomeracións e ao estrondo dos tambores”.

Nesta edición da MICE tamén se proxectará a mediametraxe do director Vicente Vázquez,  titulada Do not lean on door [work in progress], e complementarase o pase do filme cun encontro co público asistente a esta sesión da MICE. Será no Museo do Pobo, na segunda feira, 6 de abril, entre as 16.30 e as 19 horas.

Comentarios