Un documental sobre operacións militares en Irak ou Afganistán, mellor filme en Novos Cinemas

A mellor longametraxe da sección oficial foi Il n’y aura plus de nuit, de Eléonore Weber, documental que denuncia o comportamento de pilotos militares en operacións en Irak, Afganistán e Pakistán. 
'Il n’y aura plus de nuit', de Eléonore Weber.
photo_camera 'Il n’y aura plus de nuit', de Eléonore Weber.

O Xurado Internacional, formado por Elena Duque Viña, Pela del Álamo Herrera e Nuria Giménez Lorang, concedeulle o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial a Il n’y aura plus de nuit, de Eléonore Weber, “por ser unha película que, a través dunha narración sobria e precisa, convida a unha reflexión poliédrica sobre a relación Norte-Sur, a fraxilidade do individuo así como sobre os novos valores da imaxe”.

O filme, que xa pasou con éxito polo Cinéma du Réel (París) ou a Mostra Internazionale del Nuovo Cinema de Pesaro, denuncia o comportamento de pilotos militares en operacións en Irak, Afganistán e Pakistán. Trátase dun documental cualificado ao tempo de “terrorífico e fascinante”, construído exclusivamente con imaxes tomadas polas tropas en escenarios de guerra.

O Xurado Internacional concédelle tamén unha mención especial a Accidental luxuriance of the translucent watery rebus, de Dalibor Baric, “por crear un intrincado universo distópico propio a partir de materiais atopados, unha película que abre as portas da percepción a partir dun minucioso traballo estético”.

O Xurado Novo, formado por Alba Domínguez, Fernando Areal, Miguel Gómez, María Ramos e Ángeles Vidal, despois da deliberación e o visionado dos filmes a concurso concedeulle o galardón á mellor dirección da Sección Oficial a Illum Jacobi (The trouble with nature) “pola súa capacidade de xestión dos recursos e por ser capaz de contar moito con pouco”.

Aliás, o Xurado Novo tivo unha mención especial para Il n’y aura plus de nuit, “pola súa capacidade de crear a raíz de elementos dispersos, ademais dun filme, tamén un discurso”.

O Xurado da Crítica, formado por Mariona Borrull, Toni Junyent e Ángel Suanzes, recoñeceu a Tal día hizo un año, de Salka Tiziana, “pola súa audacia para rastrexar unha ausencia que se filtra polas fendas dunha realidade familiar sofocante. Unha película tan aberta como as súas paisaxes”.

O Xurado Latexos, composto por Manuel Asín, Ramiro Ledo, Xan Viñas e Albert Triviño, outorgaoulle o premio a Anunciaron tormenta, de Javier Fernández. Destacou moi positivamente o rigor na investigación dos documentos da historia oficial e o seu contraste co relato do pobo Bubi: “Formula un exercicio pioneiro [...] de rescate da memoria colonial de España e da súa pegada en Guinea Ecuatorial, cuxas consecuencias chegan até os nosos días”.

O Premio do Público nesta quinta edición de Novos Cinemas foi para Dramarama, de Jonathan Wysocki.

Comentarios