O documental 'Os días afogados' chega ás salas de cine galegas

A gañadora do último Mestre Mateo ao Mellor Documental, ‘Os días afogados’, conta a historia de como os veciños afectados polo encoro de Lindoso filmaron as súas aldeas antes de desapareceren anegadas.

osdias
photo_camera Fotograma do pobo anegado de Lindoso en 'Os días afogados'

A longametraxe documental ‘Os días afogados’, dirixida por César Souto e Luís Avilés Baquero, estréase hoxe sexta feira en salas de cine galegas. Logo de pasar por diversos festivais de cine, de gañar o Mestre Mateo ao Mellor Documental e de recibir o premio do público na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago, o público por fin terá a oportunidade de ver “Os días afogados” na gran pantalla, comezando por salas de Vigo, Santiago, Ferrol e A Coruña. Iníciase así unha xira de exhibición que alternará cines comerciais e centros culturais para que o documental se poida ver en distintas cidades e vilas galegas durante todo o outono. En novembro está prevista a súa estrea en Madrid e Barcelona en salas comerciais baixo demanda.

‘Os días afogados’ narra o conflito que viviron os veciños das aldeas de Aceredo e Buscalque (Lobios), anegadas pola construción do encoro de Lindoso en 1992, nun duro proceso de expropiación forzosa das súas vivendas e terreos. Anos antes, os mesmos veciños, conscientes de que todo estaba a piques de perderse, coas súas cámaras domésticas empezaron a gravar. Boa parte do material que retrata o último alento da vida desas aldeas conforma as imaxes máis poderosas deste documental que contrapón o poderoso arquivo doméstico co retrato desas persoas, máis de vinte anos despois, nunha ollada sobria e cercana, entre o íntimo, o político e o existencial.

E un poemario

Canda a estrea do documental preséntase tamén o micropoemario ‘Auga a través’ escrito pola poeta Dores Tembrás. Un conxunto de poemas en torno ás aldeas anegadas cuxo proceso de escrita estivo “atravesado” polo visionado do documental, en palabras da súa autora. Os poemas inspíranse en imaxes da película e acábana complementando a través da ollada de Tembrás, por iso a produtora do filme, Amanita Films, e a editora Apiario puxéronse de acordo para simultanear o lanzamento das dúas obras. A primeira presentación conxunta será hoxe sexta feira ás 20h en NUMAX, Santiago de Compostela, e a seguinte o sábado 17 ás 18h no CGAI da Coruña, dentro dun ciclo organizado pola Academia Galega do Audiovisual.

O filme poderase ver durante toda a semana que entra no Cinema NUMAX, nos Multicines Norte de Vigo e no cine Dúplex de Ferrol. Ademais de estar na carteleira, haberá varias proxeccións especiais que contarán coa presenza dos equipo do filme e coloquio posterior cos asistentes, como a de hoxe ás 22h en Compostela, o sábado 17 ás 22:30 en Ferrol e o terza feira 20 ás 20:10h en Vigo. As persoas que merquen entradas para 'Os días afogados' en calquera dos cines onde se vai proxectar serán agasalladas cun dos poemas, nunha edición limitada comemorativa deste lanzamento.

Comentarios