O documental de Aser Álvarez sobre a vida de Xosé Velo chega hoxe a Caracas

'O libertador ibérico' liderou o secuestro do barco luso 'Santa María'.
Xosé Velo.
photo_camera O legado de Xosé Velo xa se pode consultar no Arquivo da Deputación de Pontevedra.

A sala MBA da Cinemateca Nacional de Caracas (Venezuela) proxecta na tarde desta terza feira, 11 de outubro, o documental Xosé Velo. O libertador ibérico, dirixido por Aser Álvarez, de Arraianos Producións, coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Esta obra audiovisual repasa a vida de Velo (Celanova, 1916; São Paulo, 1972), coñecido por liderar o secuestro do navío luso Santa María co fin de chamar a atención sobre as ditaduras que daquela rexían o Estado español e Portugal.

A censura evitou, durante décadas, que na Galiza se soubese máis desta figura transcendental para a cultura galega, mais agora, da man de Aser Álvarez, podemos coñecer o seu labor colaborando co exilio galego no Brasil ou Venezuela, así como a súa infatigábel loita antifascista e na procura dunha sociedade democrática e xusta.

Vocación de poeta

Mais a verdadeira vocación de Xosé Velo, apuntaba recentemente Álvarez nunha entrevista en Nós Diario, era a de poeta: "Pero o seu compromiso non lle deixou desenvolver esa parte da súa obra; vivía nun perpetuo estado de emerxencia, no que sempre había outras tarefas que resolver", sostiña.

Velo militou durante a II República nas Mocedades Galeguistas canda Celso Emilio Ferreiro. O golpe de Estado de 1936 sorprendeuno en Compostela e, após ser detido polas tropas fascistas, foi obrigado a combater no bando do xeneral Franco.

A imposición do réxime fascista non supuxo un impedimento para seguir a loitar pola liberdade, e en 1945 foi novamente apresado en Vigo e acusado de participar de movementos antifranquistas e galeguistas. Aproveitando un permiso de liberdade condicional, foxe e en 1948 chega a Portugal, paso previo a asentarse en Venezuela.

Comentarios