sábado 23/10/21

Dez entidades impulsan o Arquivo Histórico do Nacionalismo

Unha imaxe histórica reúne por vez primeira representantes de dez entidades do nacionalismo que suman forzas para botar a andar un proxecto común, o Arquivo Histórico do Nacionalismo. 

Presentación do Arquivo Histórico do Nacionalismo Galego
Presentación do Arquivo Histórico do Nacionalismo Galego

Milleiros de documentos que compoñen os arquivos de doce entidades incorporaranse ao Arquivo Histórico do Nacionalismo que se converterá no maior repertorio documental da historia do nacionalismo galego. O portal www.arquivodonacionalismogalego.gal disponibilizará os fondos para a investigación e consulta. 

Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Bautista Álvarez, Fundación Castelao, Fundación Galiza Sempre, Fundación Losada Diéguez, Fundación Manuel María, Fundación Moncho Reboiras e Fundación Vicente Risco, xunto con Murguía Revista Galega de Historia e o Museo do Pobo Galego son as dez entidades que se xuntan para construír o Arquivo do Nacionalismo Galego que reunirá os fondos documentais que custodian cada unha delas no que está chamado a ser un completo repertorio histórico do movemento nacionalista dos séculos XIX e XX. 

Fito histórico para a memoria do nacionalismo

A foto de familia da presentación da nova iniciativa reuniu esta cuarta feira, día 4 de febreiro, no Museo do Pobo Galego en Compostela representantes das dez entidades no que foi considerado un fito histórico na recuperación da memoria do nacionalismo galego. Milleiros de documentos constituirán, grazas á colaboración das dez Fundacións e entidades, o maior arquivo da historia do movemento nacionalista ao que irán sumando novas aportacións de colectivos e particulares. 

As entidades que fan parte da nova iniciativa coinciden á hora de valorar a urxencia de sumar forzas de organizacións e particulares para saldar a eiva da historia documental do nacionalismo. Os arquivos de persoeiros como Manuel María, Alexandre Bóveda, Losada Diéguez, Castelao ou Vicente Risco xúntanse con outros que recolleron a historia documental de organizacións como a Fundación Galiza Sempre ou a Fundación Moncho Reboiras. Canda elas, o Museo do Pobo Galego incorpora ao catálogo legados de figuras como Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas, Manuel Beiras ou os arquivos de Unidade Galega ou o Club Nacionalista Alén Nós. 

Para o coordinador do proxecto, Uxío Breogán, “o consenso foi absoluto á hora de poñer a andar o proxecto e de valorar a necesidade de mancomunar a documentación. Que estas entidades se xuntaran para desenvolver por vez primeira un proxecto conxunto é un fito histórico”, valora o profesor e investigador. 

 “O consenso foi absoluto á hora de poñer a andar o proxecto e de valorar a necesidade de mancomunar a documentación. Que estas entidades se xuntaran para desenvolver por vez primeira un proxecto conxunto é un fito histórico”, afirma Uxío Breogán

A documentación atesourada polas dez entidades ficará ao dispor público para a investigación e consulta de maneira progresiva no portal no que se irán compilando documentos dixitalizados da historia do nacionalismo do século XIX e XX. O obxectivo é “poñer en valor” e”posibilitar o acceso” de maneira conxunta ao que até agora eran arquivos particulares custodiados nas sedes das distintas entidades nos que se atopa a historia e documentación persoal das distintas figuras do nacionalismo, arquivos das organizacións e distintas publicacións que pasarán a formato dixital. 

Ponte coas entidades

“A velocidade será diferente, xa que hai entidades que teñen xa catalogados e dixitalizados os seus fondos e outras que están aínda en proceso mais o proxecto servirá xa de partida de ponte entre o mundo da investigación e o público en xeral cos dez parceiros da iniciativa”, explica Uxío Breogán para quen a documentación fica desde agora ao dispor do público a través da plataforma, estea ou non dixitalizada.  

A iniciativa, que ten o seu xermolo no inicio do 2015, presentouse, segundo o historiador e coordinador do proxecto, Uxío Breogán Diéguez, “a doce meses do primeiro centenario do nacemento da ‘Irmandade dos Amigos da Fala da Cruña’, primeira das Irmandades da Fala que se organizarían por toda Galiza a partir daquela altura, baixo a iniciativa de figuras como Antón e Ramón Vilar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Lois Porteiro Garea, Florencio Vaamonde Lores ou Uxío Carré Aldao”. Ao tempo que se presentaba o arquivo, as dez entidades coincidiron tamén na vontade de conmemorar o legado das Irmandades de maneira conxunta no vindeiro centenario. Anunciaron tamén que convidarán a outras entidades próximas para que se unan ao proxecto aportando documentación á plataforma que será o maior conxunto documental do nacionalismo galego. 

Conmemorar datas sinaladas

“Tentaremos que a documentación de especial relevo se disponibilice e se poña en valor e, a través dela, o resto da documentación. Para iso, conmemoraremos as distintas efemérides e datas singulares do nacionalismo para facer pública a documentación a través do portal”, afirma o coordinador do proxecto para quen as datas máis importantes da historia do nacionalismo terán reflexo no portal coa documentación que aporten cada unha das entidades. 

No acto de presentación estiveron presentes Alberte Ansede, da Fundación Manuel María; Guillerme Vázquez e Xavier Campos pola Fundación Galiza Sempre; Manuel Mera e Xesús Seixo da Fundación Moncho Reboiras; Carlos Mella da Fundación Castelao; Bautista Álvarez e Roberto Vilameá da Fundación Bautista Álvarez; Xusto Beramendi do Museo do Pobo Galego; Luís Martínez Risco e Antonio Blanco da Fundación Vicente Risco; Mercedes Losada e Mª Eulalia Núñez Losada da Fundación Losada Diéguez, ademais do coordinador do Arquivo, Uxío Breogán Diéguez. 

comentarios