O mundo da cultura lembra con doce artigos a Raúl Piñeiro en vésperas da homenaxe en Lorient

O próximo 8 de agosto no marco do Festival Intercéltico de Lorient terá lugar unha homenaxe a Raúl Piñeiro, un serán de gaitas coa participación dos gaiteiros: Paddy O'Hara (Irlanda), Ventzislav Andonov (Bulgaria), Patrick Molard e Jacky Molard (Bretaña) e Edelmiro Fernández (Galiza). Recollemos a homenaxe galega a través de artigos de doce figuras do mundo da cultura cando se celebra o Festival de Ortigueira, do que el foi alma mater. 

Raúl Piñeiro
photo_camera Raúl Piñeiro

Días despois do falecemento de Raúl Piñeiro Vidal 0 27 de decembro, cando esta triste nova conmocionaba ao mundo da cultura, Sermos Galiza, recolleu unha serie de testemuños, textos, de Marga do val, Francisco Sampedro, Carlos Lorenzo, Antonio López “Castillo”, Alfonso  Pato, Tatán R. Cunha, Uxía, Carlos Núñez, Ugía Pedreira, Didier Dreo, Patrick Molard e David Fernández Calviño que agora, seis meses despois, lles achegamos, e que dalgún xeito debuxan os camiños culturais que abriu e polo que nos moveu Raúl Piñeiro. Sexa esta unha mostra da primeira homenaxe que desde Galiza se lle rende a quen fixo da cultura a súa bandeira. 

O mundo da cultura lembra a Raúl Piñeiro Vidal

O serán do 27 de decembro do 2012 a triste nova do falecemento de Raúl Alberto Piñeiro Vidal espallábase por Galiza e traspasaba as fronteiras para chegar aos mesmos recunchos do mundo polos que andou e levou a cultura e, sobre todo, a música galega. Nacera o 21 de xuño de 1957 na cidade de Bos Aires,  a bordo do Monte Umbe chegaría en febreiro de 1963 ao porto de Vigo,  a súa familia regresaba despois duns poucos anos de emigración. O Miño, os carballos, o toxo e os carreiros de Alongos (Toén) abraian os ollos daquel neno que botara a andar polas rúas de Villa Pueyrredón e que viña descubrir outra patria-lingua nunha infancia renovada; asentan no Couto en Ourense até que de novo a emigración volve petar nas portas da familia para montar casa en Carabanchel, Madrid e labrar amizades para toda a vida.

"Embaixador cultural entre os dous países, embaixada particular que construía pontes con outros lugares para facer de Ortigueira o centro da música celta no mundo, a orixe da tantas descubertas"

Despois de descubrir que nunca poderá estar atado ás obrigas dun traballo remunerado fixo e seguro, ao que renuncia, o mesmo día que cumpre dezaoito anos abandona o fogar familiar e vai polo mundo adiante. A vendima, a recollida de tomates en Francia, a venda de figuras feitas de arame polas praias, o despacho de bocatas en Ibiza, a elaboración de queixo nas montañas Dolomitas, a limpeza nun hospital de Zürich, son algunhas mostras do xeito de gañar a vida antes de chegar a Vigo nos anos oitenta e crear o Alma na zona vella, que traía á cidade a palabra Pub, permitía gozar dun bo té, de novos xeitos de facer café e de bebidas que lease

na conversa en compaña da música de Jazz ao vivo. Novos foron os camiños que o levaron pola Bretaña na procura das paisaxes das nacións celtas e da súa cultura,  foi aquí onde afondou na cerna da música,  Galiza e Bretaña, Camiño de Quita e Pon, que o levou a ser un embaixador cultural entre os dous países, embaixada particular que construía pontes con outros lugares para facer de Ortigueira o centro da música celta no mundo, a orixe da tantas descubertas. Música, cine, literatura, arte eran sempre materia de Bretaña, materia de Galiza para intercambio no mundo. Das ideas, do traballo de Raúl Piñeiro, ao seu xeito, foron aboiando polo país 

concertos, audicións, recitais, conferencias, festivais, que se repetían fóra das fronteiras de Galiza, non eran milagres, era ilusión e moito atrevemento de quen tiña un talento especial para a aprendizaxe das linguas e era un grande comunicador. O seu compromiso político levouno a participar activamente na plataforma Nunca Máis. a  militar no BNG e finalmente en ANOVA.

Nos últimos quince anos de vida entregouse con verdadeira dedicación e amor a ser pai e partillar a vida co seu fillo Artai.

"Sexa esta unha mostra da primeira homenaxe que desde Galiza se lle rende a quen fixo da cultura a súa bandeira". 

Faleceu en Alongos, Toén, ao pé do Miño, polo serán na compaña do seu pai e do seu fillo, cando o seu corazón lle parou. O día 29 de decembro foi icinerado en Ourense, na breve cerimonia, leuse unha carta do gaiteiro bretón Patrick Molard, dirixida á familia, en que se nomeaba a Raúl Piñeiro Vidal como o mellor embaixador de todos os países celtas, compartían este testemuño coa súa adhesión os seguintes músicos:  Erik Marchand, Soig Sibéril, Youenn le Bihan, Jacky Molard, Alain Genty, Mick O'Brien, Jimmy O'Brien, Rory Campbell, Dom Molard. Para rematar o gaiteiro galego, David Durán Medraño, interpretou o tema preferido de Artai Piñeiro, Bloavezh Mad, da autoría de Patrick Molard, mentres este o tocaba á mesma hora en Bretaña. Un arco da vella pintou o ceo e de seguido rompeu a chover, eran as 11 da mañá.

Benquerido Raúl, non podía ser doutra maneira, como dirías, tocoume a crónica dese acto final contigo, calado. Nesa crónica non houbo ningún poema, non fun capaz.  Tentei ser obxectiva, mira que din resumido a túa vida! Non se recollen as nosas horas de conversa, a música de fondo para a Cidade sen roupa ao sol, as viaxes ás casas de Galiza, Bretaña, Alemaña, ao corazón profundo da amizade. Nesta crónica non ha lugar para a pena e a indignación polo terrorismo deste capitalismo feroz, pola falta de autoestima do país que amamos e mordemos. Moito amor e afirmar que a miña vida tamén, como a de tantas outras persoas, xa é moito máis triste sen ti, que te boto moito de menos e que vou tirando moitas veces grazas as cousas que contigo e de ti aprendín. Afirmo que te celebraremos en moitos risos voltos e revoltos do camiño.

Marga do Val

Comentarios