Dobre cita de Torneiro na Coruña co seu novo libro “Onde nunca é mañá”

“Onde nunca é mañá” (Factoría K) é o novo libro do poeta Manuel Álvarez Torneiro que se presentará esta sexta 6 de xuño en Portas Ártabras. A segunda feira, o poeta pechará o ciclo “Poetas Di(n)versos” xunto co sirio Adonis. 

Álvarez Torneiro
photo_camera Álvarez Torneiro

O poeta Manuel Álvarez Torneiro presenta o seu agardado novo libro “Onde nunca é mañá “ (colección Tambo de Factoría K) esta sexta 6 de xuño ás 20:00 en Portas Ártabras. O novo título do autor despois de ser galardoado co Premio Nacional de Poesía en 2013 -o primeiro autor en galego que o recibe- será presentado polo escritor e director da colección Luís Rei Núñez e a profesora Teresa Seara ademais do propio Torneiro. 

O autor volve en “Onde nunca é mañá” a se encontrar coa súa propia memoria alén de facer partícipe ao público lector das súas persoais vivencias da música e a arte. O libro inclúe debuxos inéditos do pintor Alejandro González Pascual, que compartiu amizade co poeta. 

En “Poetas Di(n)versos” co sirio Adonis

Torneiro volverá á escena pública a próxima segunda feira, para pechar xunto co poeta sirio Adonis a quinta edición do ciclo “Poetas Di (n)versos”, o ciclo estábel de poesía coordinado pola tamén escritora Yolanda Castaño. 

Será a primeira ocasión en que o poeta sirio Adonis visita Galiza, nun recital que compartirá con Manuel Álvarez Torneiro no Centro Ágora. Como en todas as sesión do ciclo, os poemas de Adonis serán lidos por el en árabe e traducidos ao galego e recitados pola comisaria do ciclo Yolanda Castaño. Adonis é unha das voces máis relevantes da literatura árabe e o seu nome é un dos que se sentiron nas últimas edicións do Premio Nobel. Con máis de vinte libros poéticos e traducido a catorce linguas europeas e seis orientais, Adonis foi profesor nas Universidades do Líbano, Francia, Suíza, Alemaña ou os Estados Unidos e conta con máis de trinta premios internacionais. A comisaria Yolanda Castaño defíneo como “un dos poetas vivos máis importantes do mundo, e a voz máis destacada da lírica árabe contemporánea”, polo que presenta a cita como unha “ocasión única en Galiza”. 

Álvarez Torneiro presentará tamén “Onde nunca é mañá” na Libraría Couceiro de Santiago, o vindeiro xoves 12 de xuño ás 20:00 horas.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios