XII Xornada de Literatura de Tradición Oral

Do trad ao bravú

A ASPG maila AELG abordan a literatura popular galega, desde os romances tradicionais até o bravú, na duodécima xornada de Literatura de Tradición Oral, que decorre este sábado en Lugo. Nela participarán diferentes voces, como Dorothé Schubarth, Xurxo Souto ou Branca Villares.

lagáchema pandeireta

Lugo acolle a duodécima Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú. Unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega. Así, desde a organización procuran conectar esas dúas realidades creativas, contextualizando temas, usos e a supervivencia destas manifestacións, coa finalidade de “recuperar” e “actualizar” esa herdanza. 

Entre o romanceiro e o bravú

Debemos retroceder até o século XIV, ou incluso XIII, para situar o nacemento dos romances. Estes textos veñen dos antigos cantares de xesta, longos poemas épicos narrativos que daban conta de feitos e fazañas de heroes na Idade Media. A súa fragmentación en pasaxes illadas e posterior adaptación ao campo do lirismo provocaron a mudanza, non ao chou, de cantares a romances. De principios do século XV é o texto fixado por escrito máis antigo que se conserva no mundo hispano. Música e poesía, idiosincrasia, que se transmitiu durante séculos de xeración en xeración. Tradición oral. Conscientes da grande importancia e da riqueza deste xénero, en Galiza foron persoas como Aníbal Otero, Said Armesto, da escola de Menéndez Pidal, as que comezaron a recoller as diferentes versións dos romances para fixalos por escrito. 

E de aí até o bravú. 

Aínda que a literatura de tradición oral foi sempre o patiño feo dos estudos literarios e culturais, e aínda que continúa sen o debido recoñecemento, quer no ámbito académico que no social, que tal manifestación artística, lingüística e cultural merece, si é certo que nos últimos anos gañou adeptas que a poñen de actualidade. Agora, con “Do Romanceiro tradicional ao bravú”, a ASPG maila AELG poñen o foco sobre esta temática, máis un ano, e suman xa doce as edicións destas xornadas temáticas sobre Literatura de Tradición Oral. 

Programa

O programa abre cunha conferencia do profesor e investigador José Luís Forneiro, un dos maiores especialistas no romanceiro, titulada “O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, língua e normalização”. Continúa coa musicóloga Dorothé Schubarth, encargada de analizar a relación entre o texto e a melodía no romanceiro tradicional. 

A media mañá, coordinada por Antonio Reigosa, escritor e investigador, especialista en mitoloxía popular e literatura de tradición oral, artellarase unha mesa redonda na que se discutirá sobre a supervivencia do xénero, a cargo de José Luís Forneiro e Dorothé Schubarth. Continúa pola tarde con “Novas formas na música popular: Da romaría á festa. Da movida ao bravú”, da man de Xurxo Souto, recentemente galardoado co Premio Facer País. A este séguelle a conferencia “A pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa”, que imparte Branca Villares Naveira. Coordinados por Lois Pérez, xuntaranse as dúas participantes a debate na mesa redonda “Os camiños incertos da canción. Lingua e música popular no século da globalización”. Xa a sesión práctica, centrada na transmisión oral na música tradicional no século XXI, narrará o caso concreto da Tradescola de Lugo e a Asociación de Gaiteiros Galegos, coas intervencións do alumnado e profesorado da Tradescola, Escola de Música Tradicional (Lugo). 

Comentarios