Exposición no Museo do Pobo Galego

Do sacro ao profano

O Museo do Pobo Galego acolle até o 22 de setembro a exposición "Galicia Máxica: Romarías e Santuarios", mostra de fotografías etnográficas do danés Gustav Henningsen. As instantáneas, froito das súas investigacións nos anos 60, retratan un rural galego ateigado de ritos e tradicións que esvaecen, escorregando entre os dedos das súas habitantes. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza.

f6_FS_Cultura
photo_camera [Imaxe: ©Gustav Henningsen] Nosa Señora da Lanzada (Santo Estevo de Noalla, Sanxenxo). Rosquilleira na romaría.

m6_FS_CulturaUn intre do cotián roubado pola cámara de Henningsen amosa as romeiras descansando tras o camiño á Nosa Señora dos Milagres de Caión. David Conde, comisario da exposición, explica que en tempos traían pedras como ofrenda que logo ficaban no amilladoiro. O coñecemento, alén da documentación, vénlle da súa propia experiencia. El, como farán moitas, séntese recoñecido nas instantáneas deste mundo, se non desaparecido, en vías de extinción. Imaxes nas que prima, abofé, o contido informativo sobre o valor estético, mais nas que a realidade soborda coa súa beleza documental (con) fundindo ambas as dimensións nun rescate do pasado.

O Museo do Pobo Galego inauguraba o pasado 29 de maio a exposición Galicia Máxica: Romarías e Santuarios, que permanecerá aberta até o 22 de setembro. A mostra está composta por 84 fotografías etnográficas, as máis en branco e negro, tomadas entre 1965 e 1968 polo antropólogo danés Gustav Henningsen, froito de vinte meses de investigación de campo na Galiza.

Nosa Señora da Barca, a Franqueira ou Nosa Señora da Lanzada son algunhas das romarías retratadas, na dobre vertente da palabra. Relixiosa e profana. Peregrinación e festa popular. Dúas caras dunha mesma moeda. Unha única foto destaca á esquerda da entrada: Henningsen entrevistando un informante. Esta rara avis conecta coa mostra de 2015 Galicia Máxica: Reportaxe dun mundo en desaparición, que xa traballara a obra fotográfica do folclorista. Xestada hai máis dun ano como continuación desta, que as Letras Galegas homenaxeasen Fraguas “tamén nos axudou a xogar co título dunha das publicacións máis emblemáticas de don Antonio: Romarías e Santuarios”, explica Conde. A relación, porén, non vai máis alá do título e do uso bibliográfico, pois se ben Fraguas e Henningsen puideron coincidir, non existe constancia de que se coñecesen.

Gustav Henningsen chegou á Galiza en 1965 cunha cámara Rolleyflex e cunha gravadora magnetofónica, co gallo de investigar para a súa tese doutoral. Máis que o relixioso, buscaba crenzas máxicas arredor da bruxaría, coa idea de elaborar un estudo comparado entre Galiza, Dinamarca e Irlanda. Pero aquí atopou un universo que descoñecía, poboado de ritos e tradicións que no resto de Europa apenas se conservaban. Toda unha sorpresa, considerando que Henningsen, atraído pola literatura internacional sobre as bruxas no País Vasco, non nos tiña en mente.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios