Carlos Santiago / Dramaturgo

"O do pregón extralimitouse por razóns que non teñen nada que ver comigo nin co entroido"

O dramaturgo Carlos Santiago (Santiago de Compostela, 1966) sufriu en carne propia a redución das liberdades públicas, en concreto a de expresión, que organizacións internacionais veñen denunciando a respecto do Estado español. Foi a causa do pregón de entroido de Compostela, pronunciado polo seu personaxe o Apóstolo Santiago.

Carlos Santiago
photo_camera O dramaturgo Carlos Santiago.

Medios e partidos conservadores desataron unha feroz campaña contra a súa intervención e contra o Goberno local. Santiago rompe o seu silencio de semanas nunha entrevista concedida a Sermos Galiza e Praza Pública.

-Cal era o propósito do seu pregón?

-O Concello de Santiago chamoume para facer un pregón de entroido, con sátira, con crítica para todos os lados. Quería reivindicar o entroido como espazo de crítica. Toda esta xente que se escandaliza, se vai ao entroido das aldeas non sei como sobrevivirían con todo o que se di. E o nivel de suposta grosería é unha cuestión subxectiva. Porque a personaxe do Apóstolo está fundada no retrato dun determinado tipo de mentalidade, facha e provinciana, que se expresa de maneira groseira cando se indigna. É dicir, que a grosería que poden detectar na personaxe é a súa propia grosería, non a miña. Cando vin que me acusaban de lle chamar puta á virxe... É imposíbel dentro da estrutura dramática do propio personaxe. A virxe é a nai do seu mellor amigo. Pero como ninguén dos escandalizados escoitou o pregón, tornou no gran misterio apostólico.

-Tampouco ninguén sabe se o Apóstolo está soterrado na catedral.

-Aí xa entramos noutras cuestións [ri]. Pero hai unha cuestión básica nunha sociedade democrática. Que a xente se ofenda polo que escoita, ten unha solución moi clara: apagas a televisión, pechas o xornal ou vaste a outro lado. Porque eu se vou a unha misa un domingo pódome ofender con todo o que escoito alí, ou se leo o que se di en determinados xornais, pero non vou pedir que lles poñan unha bomba, nin vou ameazar de morte a ninguén. O do pregón extralimitouse por razóns que non teñen nada que ver nin comigo nin co pregón nin co entroido.

Toda esta xente que se escandaliza, se vai ao entroido das aldeas non sei como sobrevivirían con todo o que se di

-Imaxinaba a repercusión que ía ter?

-Para nada imaxinaba isto. Podía imaxinar que un personaxe nun espazo así podía causar algún tipo de malinterpretación. Porque sempre hai xente que ve as cousas como as ve. Pero no pregón había unhas 200 persoas e marcharon catro. O resto quedou alí, a xente pasouno moi ben, aplaudiron, e todo o mundo riu. Haberá xente á que non lle fixo graza e é normal, non todo o humor funciona para todo o mundo.

-Á vista do que sucedeu, retiraría algunha das expresións do pregón?

-Non, porque a liberdade de expresión só existe se se exerce. Para dicir córcholis, para dicir pompis, non fai falta liberdade de expresión. É un dereito que temos. O problema aquí é que cando determinados discursos toman o espazo público, habitualmente controlado por un discurso que xa sabemos perfectamente cal é, hai quen se ofende. É como se estiveses a invadir un espazo que algunha xente cre que lle pertence de maneira natural. Non retiraría ningunha palabra porque non hai nada que retirar.

pregon carlos santiago
-Leva anos representando o personaxe do Apóstolo Santiago. Por que o escándalo só ocorreu agora?

-Todo isto que sucedeu estaba implícito no propio pregón, unha crítica da situación que estamos vivindo. Hai un goberno municipal apoiado por unha maioría de santiagueses e hai unha xente que sistematicamente intenta construír unha fantasía carente de base empírica pero que penetra moi ben en determinados sectores. Toda esta babecada das fochancas que parecen o abismo de Helm, ou todo tipo de descualificacións contra o alcalde e a corporación municipal. Explícase por unha loita de poder, intereses espurios, a conivencia de partidos políticos e medios determinados... E apañáronme no medio. Teño claro que esta é a intencionalidade básica detrás desta historia. Pero hai tamén a tentativa de manter a cultura galega democrática e republicana no subterráneo. “Non aparezades nos balcóns nin no espazo público máis do necesario”. Tamén partimos dunha ignorancia moi profunda de determinados sectores sobre a propia cultura galega. Descoñecen absolutamente todo porque é unha cultura que non lles interesa, non saben cales son as persoas implicadas, non saben o que se fai, as traxectorias, non saben nada.

-A liberdade de expresión ten límites?

-Este debate sobre a liberdade de expresión é unha cortina de fume. Que está agochando que no Estado español está habendo unha transformación radical de todo. Das relacións de poder, das relacións sociais... E hai sectores que non queren perder os seus privilexios. Pero a cortina de fume é dura, porque hai xente que vai presa, ten que pagar multas. Non quero usar a palabra vítima pero si que hai danos colaterais en toda esta estratexia da estupidez. Ten límites? Non. Pero que é iso dos límites? Flipo.

-Os que pon a Audiencia Nacional?

-Si, límites nunha ditadura... E hai certas cousas que están camiñando cara aí. Xa empeza a xente a lembrar aqueles escándalos de cando apareceu o movemento punk e a Movida. Pero a Bóla de Cristal tiña moito máis aberto o límite que moitas cousas agora. Hai que distinguir. Unha cousa é o gusto ou o mal gusto ou ese tipo de cuestións... Non che teñen porque gustar as cousas. Pero a liberdade de expresión é básica nunha democracia. Cales son os límites? Se eu me ofendo? Dicía o John Cleese de Monty Python: “Hai que aprender a controlar as propias emocións, porque se non as dás controlado, que fas? Intentar controlar as emocións dos outros”. Aí é onde se comeza a poñer límites. Pero se temos que madurar como sociedade democrática, eu teño que controlar as miñas emocións e admitir os improperios. Onte puxen unha cadea de radio vencellada á Conferencia Episcopal e escoitei uns sete insultos aos alcaldes das Mareas e de Podemos e toda esta historia. Hai xente, calumnistas, escribindo na prensa diaria e non teñen límite ningún. É unha ofensa ao nivel persoal, directo. Entón, quen pon os límites? E a que xente se lle pon os límites? Díxose: “No entroido hai que saber que non todo vale”. Ah, pero no xornalismo parece que si. A cuestión do límite é esa. Son palabras.

Se temos que madurar como sociedade democrática, eu teño que controlar as miñas emocións e admitir os improperios

-Tamén o acusan de atacar as crenzas, católicas neste caso.

-As crenzas son unha cuestión da intimidade das persoas. Eu nunca ataquei crenza ningunha. O personaxe do Apóstolo ten un fundamento teolóxico que xa lle gustaría a moitas das eminencias pardas que andan largando por aí, ter esa consistencia teolóxica. Todo o contrario. Pero como aquí non se sabe de que se falou. Mesmo fai unha defensa clara dos relatos bíblicos e das historias do Evanxeo. Mesmo instrúe. Aínda me habían de dar unha medalla [ri]. Pero non saben de que se falou no pregón. Isto lembroume Hai que botalos [filme colectivo preparado para a campaña electoral de 2005]. Lembro que presentei a estrea no Teatro Principal e limiteime a ler todas as críticas que xa foran feitas na prensa antes de ver un único fotograma da película. Kike Estévez, na Nova Peneira, rescataba todo o que se dicía na prensa do XIX en Galiza sobre o entroido e parece que nada mudou desde aquela.

-De feito estivo prohibido.

-Claro. Toda esta argumentación dos límites, do bo gusto, toda esta arbitraxe que pretenden seguir exercendo xa existía no século XIX. Porque o entroido é ese espazo dos cidadáns para liberarse das convencións impostas durante todo o ano. Síntoo moito se non vos gusta. Prohibídeo, sacade os tanques á rúa, a ver se vos compensa.

-Recibiu moita solidariedade de colegas de profesión. Está o colectivo artístico á altura do que sucede coas liberdades públicas?

-Para min foi unha cousa emocionalmente moi satisfactoria, porque me axudou a pasar estes días tan duros. Houbo un elemento de irresponsabilidade gravísimo por parte de quen arrincou toda esta historia. Imaxina que eu ou alguén da miña familia somos agredidos, en que situación estariamos agora. A onda de solidariedade tardou. Aínda estamos empezando a ver que isto é un problema. Pero sentinme moi satisfeito da resposta no mundo cultural, aquí e en Portugal. Tamén foi unha maneira de empezar a socializar que temos un problema moi grave e que a liberdade de expresión non se defende unicamente no Facebook. Estamos entrando nun nivel en que a liberdade de expresión vai haber que defendela no día a día, na rúa, activándonos para iso. Se toda esta estupidez puido axudar a que a xente tome conciencia, doume por satisfeito de ter sufrido este auto de fe medieval.

-Como interpreta que o campo de batalla da esquerda sexa o cultural?

-Antes a política pelexábase moito máis na rúa. Hoxe dáse nun nivel máis simbólico, mediático. E onde se crean os símbolos, e onde os símbolos están en constante dinamismo, é no terreo cultural. É moito máis doado montar un cirio a partir dunha cousa destas que non coas pensións, a corrupción, ou co desemprego. Ao mesmo tempo, hai un proceso de infantilización social e a cultura tamén resiste a esa tentativa de infantilización. O discurso dos límites, da boa educación, que significa? Que nos están volvendo tratar como nenos pequenos. Pero hai resistencia. Tampouco pensemos que son tan poderosos.

Nota: imaxe do pregón do entroido de Compostela en que Carlos Santiago interpreta o Apóstolo Santiago.

Comentarios