Análise

Do lume e dos libros

Análise de Mario Regueira para 'Nós Diario'.
Libro en chamas. (Foto: LearningLak  CC BY 2.0)
photo_camera Libro en chamas. (Foto: LearningLak / CC BY 2.0)

O bibliógrafo londiniense William Blades publicaba en 1880 a obra The Enemies of Books (Os inimigos dos libros), unha das primeiras enumeracións dos perigos que espreitan o libro impreso. Blades divide a obra en dez capítulos dedicados a varios “inimigos”. É curioso como conta entre eles realidades que case non identificamos xa, polo noso contexto histórico e climático, como a couza dos libros e outros insectos, que o propio Blades recoñece xa moi controlados nas bibliotecas de finais do XIX.

Non sobran tampouco apreciacións morais, como a ignorancia e o fanatismo relixioso, ironicamente ao lado de colectivos como encadernadores, coleccionistas, criados e tamén as crianzas da casa, que xa naquela altura manifestaban eventuais impulsos destrutivos contra os prezados obxectos que Blades coleccionaba: “A filla dun veciño, de seis anos de idade, ía en silencio até un andel, tomaba un libro ou dous, arrincaba unha ducia de follas do medio e devolvía os volumes, cos anacos e todo, aos seus lugares, así que o dano ficaba oculto até que era necesario consultalos”.

O que abre esa obra e se mestura cos fanáticos e as guerras

Porén, máis aló do pesadelo que supuñan as crianzas e o descoido dos demais para Blades, o primeiro inimigo, o que abre esa obra e se mestura cos fanáticos e as guerras que ameazan tamén o coñecemento humano, é o lume.

Alexandría en chamas

A biblioteca de Alexandría naceu como algo máis que un depósito de libros: aspirou, en distintas épocas a acumular todo o coñecemento humano. Non sempre coas mellores estratexias: contan as crónicas que os libros (daquela rolos de papiro) que lles prestaban para copiar a outras coleccións nunca volvían: os alexandrinos enviaban a copia e retiñan o orixinal para a Biblioteca.

Tamén que era obrigatorio doar unha obra ao entrar na cidade, algo que sometía cousas como o comercio a un ben maior como a acumulación de saber. Poñer todos os ovos no mesmo cesto nunca foi unha boa estratexia: a grande ameaza ao proxecto de Alexandría foron os incendios, como o que produciu Xulio César nunha guerra, pero finalmente caería no ocaso coa puxanza de novas relixións e a súa guerra aberta a todo o saber anterior.

As novas formas do lume

Nos últimos tempos a convivencia entre o modelo do libro físico e o dixital ocupou algunhas preocupacións por parte de editoras e libreiros. O medo ou rexeitamento dunha parte destes á lectura dixital ten moito de ideolóxico e tamén cae nunha confusión moi concreta: o libro non foi sempre un libro. Esa transmisión de ideas e historias tivo moitas encarnacións, desde papiros, pergameos, cortizas de árbores ou táboas de cera... Formas diversas que desembocaron no códice medieval no que se inspira o libro físico moderno.

Esta época é, ademais, a primeira que nos permite achegarnos de novo a un ideal alexandrino

O dixital é só outra forma dunha actividade que soborda os obxectos dispoñíbeis en cada época: a transmisión de coñecementos, historias, sentimentos e paixóns. Esta época é, ademais, a primeira que nos permite achegarnos de novo a un ideal alexandrino: nunca será toda, pero unha parte inmensa da produción escrita pode ser centralizada e resulta accesíbel potencialmente cunha simple procura na rede. Saben ben diso no Proxecto Gutenberg, que leva dixitalizando obras en varios idiomas desde 1971 como unha forma de compromiso coa alfabetización e a cultura. Tamén outras plataformas como a Library Genesis, que libera obras na rede, especialmente de tipo académico, reivindicando de forma subversiva a democratización do coñecemento científico.

O tráfico e a pirataría de libros, que xa existían moito antes de internet, tamén poden ter motivacións altruístas aínda que sigan sendo perseguidas e vetadas por moitas lexislacións.

Hai uns anos unha bibliófila amiga tivo o seu momento de romance co libro electrónico e estivo un par de anos lendo soamente desta maneira. Un día vina cun libro físico e pregunteille se xa non lía en dixital: “estou volvendo mercar en físico, vin un documental sobre as tempestades solares e sobre como pode que arrase con toda a tecnoloxía. Xa vai ser duro por si e non quero ficar sen libros”. O medo ao lume, na forma de tormenta xeotérmica ou de incendio de vellas bibliotecas mediterráneas, segue a turbar os soños das bibliófilas ao igual que na época de William Blade.

Comentarios