'A torre' inaugura unha colección de ensaio sobre a natureza

Do camiñar para comprender

“Para comprender un lugar hai que pasealo. Antes de chegar, durante cada visita e despois”. Ese lugar é, para Antonio Sandoval Rey (A Coruña, 1967), a Torre de Hércules. Ao faro coruñés de orixe romana dedica A torre, o libro produto de innúmeros paseos que inaugura a colección Vitamina N de Faktoría K, centrada na literatura de “descrición e celebración da natureza”.
 

Torre de Hércules
photo_camera A Torre de Hércules, na Coruña. Foto: cedida.

Aínda que máis ca “dedicar”, Sandoval Rey -comunicador ambiental e ornitólogo- emprégao como disparador do pensamento. Como un Aleph arredor do que sucede o mundo: non só a natureza, tamén as lendas, a historia, as utopías, as reflexións en primeira persoa sobre a existencia colectiva.  “A Torre de Hércules é un tótem que nos fala de moitas cousas”, di, “un lugar case cósmico”.

Faktoria-K_Adria-Fruitos

Ao paradoxo de abrir unha serie de obras sobre a natureza cun volume estruturado a partir dun espazo urbano responde o seu autor -que tamén dirixe a colección- con datos: na torre faro e contorna hai máis de 600 especies vexetais e animais identificadas. “Trátase dun contexto urbano pero tamén moi salvaxe”, apón, “desde alí vese a boca do Golfo Ártabro, notamos como entran as borrascas...”. E cada penedo, así o repite decote Xurxo Souto, posúe un topónimo de seu. De novo a pegada humana.

No capítulo O tempo do elixir, Antonio Sandoval exercita unha memoria prehistórica e imaxina a península da torre antes da torre. “Rendeuse aquí culto aos fotóns? Imaxino aquel templo orixinario. É primitivo, esencial. Rodéao un extenso bosque sagrado de árbores altas e rectas que nin os temporais son quen de cimbrar. Catro chanzos dan acceso a un vestíbulo pálido que...”. Porque na Torre fúndense relatos obxectivos e ensoñacións, mitoloxías e política, caderno de campo e apoloxía do camiñar, observación científica e traballo de documentación.

“A estrutura do libro é un paseo que comeza antes do mencer ['Agardo a saída inminente do sol'] e remata á noite”, explica, “dende un punto de vista persoal, coas miñas obsesións e inquedanzas”. Un paseo na narración derivado de moitas andainas na realidade, alimentadas pola relectura de obras e textos sobre a zona. “Ao cabo, as camiñadas pola Torre de Hércules son como herborizar un prado”, fai a analoxía.

Atopar o inesperado é unha das fiestras que abre o camiñar. A humilde odisea, e non por iso menos importante, que relata A torre -escrito en castelán e traducido ao galego por Xesús Fraga- enlaza co xénero do ensaio sobre a natureza tan habitual na literatura anglosaxoa. Que comezou, lembra Sandoval Rey, cos escritos de Henry David Thoreau (Concord, Estados Unidos, 1817 -1862), aquel proto anarquista que viviu nunha cabana en Walden (Concord) e defendeu a desobiencia civil como método para a liberdade. “Na editorial apostaron por esta idea de ensaio, tamén coa intención de contribuír desde os libros á construción dun mundo máis sostíbel”, conclúe o escritor.

Vitamina N publicará varios títulos ao ano. Antes de que finalice 2018, sairá Corredoira, do inglés Robert Macfarlane (1976).

Comentarios