Divorcio entre Xunta e Artes Escénicas

A Plataforma das Artes Escénicas mantivo unha asemblea ás portas do Salón Teatro de Compostela para protestar polo "abandono" do sector por parte do goberno galego. Vídeo no interior.
Asemblea diante do Salón Teatro da Plataforma das Artes Escénicas
photo_camera Asemblea diante do Salón Teatro da Plataforma das Artes Escénicas


"A danza, o teatro, os monicreques, as artes escénicas en xeral están na rúa". A Plataforma das Artes Escénicas, formada pola Asociación de Actores e Actrices de Galiza, Escena Galega, a Asociación Profesional de Danza Escénica de Galiza, as Salas de Teatro Privadas, a Asociación de Festivais de Artes Escénicas, a Asociación de Ilusionistas de Galiza, a Asociación Alumnos da Esad, a Asociación de Profesionais de Circo de Galiza e a Asociación Galega de Guionistas, mantiveron unha reunión ás portas do Salón teatro para falar da súa alarmante situacion.

A Plataforma critica que se tivera que realizar a asemblea na rúa e non no interior do Salón Teatro coa excusa de que "non é o lugar para realizar actividades non artísticas", a mesma situación que viviron o ano pasado cando quixeron celebrar o Ano Internacional do Teatro.

A situación diante a administración galega está nun ponto morto. "É sintomático que teñamos que realizar esta asemblea na rúa", aseguran. As peticións do sector resúmense na realización dun Plan específico para o sector após a non convocatoria de reunión da Rede Galega de Teatros e Auditorios. "Solicitamos falar quer co Conselleiro quer co Secretario Xeral de Cultura mais nin nos recibiron". A Plataforma explicou á administración galega que "hai un perigo de desaparición desta rede como desapareceron outras actuacións que se viñan realizando" mais non tiveron resposta.

As peticións do sector resúmense na realización dun Plan específico para o sector após a non convocatoria de reunión da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Divorcio coa Consellaría de Cultura

Na asemblea saíu a palabra "divorcio". Segundo a propia Plataforma a situación agora aínda é máis grave. "Antes recibian as nosas propostas e non facían caso, agora nin queren falar con nós", aseguraron durante a asemblea. "o problema non son os recortes senón as prioridades a facer co diñeiro que hai". Neste apartado xurdiu o debate sobre a non existencia na actualidade dun director para a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), unha das "excusas" que aseguran pon a Xunta para non manter ningunha reunión. "E como se o Plan fora que morra o sector pouco a pouco retirando recursos", opinou unha das participantes na asemblea.

Houbo quen mesmo propuxo que desaparecera AGADIC. "Se non funciona é mellor que desapareza". Tamén propúxose mudar de interlocutor e falar con Industria. "Somos unha parte importante do PIB deste país, se cadra trabucamos con que falar".

Decisións da Plataforma

"Todas as achegas que se realizaron nesta asemblea sintetizaranse", asegurou o voceiro da Plataforma e Presidente de Escena Galega, Salvador del Rio. "Seguiremos cos actos e medidas de presión diante da parálise que vive o sector até que atopemos unha solución", sinalou.

Comentarios