Diversos actos conmemoran o Día da Poesía en todo o país

Santiago de Compostela acolleu o festival 'Alguén que respira!'.
Margarita Ledo recitando onte en Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Margarita Ledo recitando onte en Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

A Galiza acolleu esta terza feira numerosas actividades para conmemorar o Día da Poesía. O Teatro Principal de Santiago de Compostela recibiu o festival Alguén que respira! O encontro poético contou coa participación de Claudio Rodríguez Fer, que leu o Manifesto do Día Mundial da Poesía.

O acto continuou co recital de 22 ecopoemas contra o cambio climático da man de grandes referentes do panorama literario galego como Margarita Ledo Andión, Ismael Ramos, Helena Villar, Arancha Nogueira, Roberto Abuín, Ramón Blanco e Pablo Sax, Tino Féliz, Xabier Cordal, Genaro da Silva, Tamara Andrés, Antía Otero, Miro Villar, Rebeca Baceiredo, Iago González, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Olalla Cociña, Clo Plas, Daniel Souto Pazo, Amalia Blanco Pose, Daniela Rial Estévez e Xurxo González Rodríguez.

Actividades por todo o país

Máis de 300 crianzas celebraron hoxe na Insua dos Poetas, o espazo de esculturas adicadas a poetas da literatura galega en Madarnás, no Carballiño, o Día Mundial da Poesía e a Árbore. No acto, o alumnado da zona homenaxeou a Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. A xornada contou co apoio da Deputación de Ourense.

A Deputación de Pontevedra tamén preparou un evento de poesía inclusiva en conmemoración da xornada. O evento deu voz a poetas con capacidades diferentes a nivel intelectual e físico que foron acompañadas por escritores e escritoras recoñecidas como Ismael Ramos, Andrea Valle e Ana Fontenla. O recital foi acompañado por unha actuación musical e coa linguaxe de signos de Xoga.

En Lugo, continúan as actividades do programa "Lugo a Versos" da Asociación de escritores e escritoras en lingua galega.

Aliás, a RAG homenaxea mañá a Darío Xohán Cabana no marco das conmemoracións polo Día da Poesía na Fundación Luís Seoane (A Coruña).

Comentarios